O proxecto de lei do tabaco prohibe fumar e vapear a menores e veta o fume nas terrazas

Un dispositivo de tabaco quentado (Foto: Ina / Adobe Stock).
Búscase prohibir fumar ou utilizar estes produtos en espazos públicos fechados e nunha lista ampliada de contornas exteriores, como terrazas de bares, recintos onde se desenvolvan espectáculos públicos ou instalacións deportivas.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o Anteproxecto de Lei do tabaco, que prohibe expresamente o consumo de tabaco e produtos relacionados, como os vapers, por parte de menores, algo que até o de agora non estaba regulado, xa que a prohibición só se limitaba á venda ou entrega de tabaco.

Con esta modificación, os cigarros electrónicos –con ou sen nicotina–, as bolsiñas de nicotina para uso oral, os produtos a base de herbas, como 'shishas', e os dispositivos para o consumo de produtos quentados quedarían sometidos ás mesmas restricións legais que o tabaco convencional.

O obxectivo, sinalou a ministra de Sanidade, Mónica García, é reforzar a protección á infancia e adolescencia. "Espero que no Congreso esta lei xere o mesmo consenso. Hai un consenso social entre os non fumadores e tamén entre os fumadores da importancia de dar a pasos adiante e seguir sendo un país vangardista na loita contra o tabaco", dixo a ministra.

Máis espazos sen fume

O anteproxecto amplía os espazos onde está prohibido fumar e incorpora novas contornas de uso colectivo, tanto interiores como ao ar libre. Búscase prohibir fumar ou utilizar estes produtos en espazos públicos fechados e nunha lista ampliada de contornas exteriores, como terrazas de bares, recintos onde se desenvolvan espectáculos públicos, instalacións deportivas, parques infantís, estacións de transporte ou centros educativos, entre outros. Ademais, prohíbese fumar en vehículos de transporte con condutor. "A partir da aprobación desta lei, non será posíbel fumar en terrazas", indicou García.

Coa norma tamén se prohibirían os cigarros electrónicos de un só uso, por criterios sanitarios e ambientais. Finalmente o anteproxecto non recolle o empaquetado xenérico de cigarros, que si existe noutros Estados.