Protesto na portaxe de Arteixo pola gratuidade da AG-55

[Imaxes BNG Arteixo]

Convocad@s polo BNG da Coruña unha trintena de vehículos colapsaron o acceso para demandar a gratuidade da AG-55. 

 

'Non queremos pagar' ou 'Eliminación da portaxe na AG-55' foron algúns dos lemas que se puideron ver na acción decorrida esta segunda segunda feira na autopista 55 que conecta A Coruña e Carballo ao seu paso por Arteixo. 

Ducias de vehículos --arredor dunha trintena-- colapsaron a portaxe para exixir a gratuidade da estrada perante a inacción do concello a quen xa lle foi requirido que inste a Xunta e Fomento a pór fin aos cobros. E é que segundo denuncian veciñanza e grupos políticos como o BNG a AG-55 non cumpre co seu obxectivo de acelerar o tránsito senón que, pola contra, causa graves prexuízos @s utentes por mor das obras que están a ter lugar á altura do polígono de Sabón e nos accesos ao porto exterior. 

A convocatoria lanzada polo Bloque estaba fixada para as 20 horas e alí agardaba @s manifestantes a Garda Civil. Os vehículos formaron catro ringleiras que bloquearon todas as cabinas da portaxe e retiveron o tránsito por un bo anaco. As persoas que tomaron parte no protesto solicitaron unha a unha a folla de reclamacións da empresa concesionaria para reclamaren a gratuidade do vial. 

"Conseguimos o noso obxectivo" que era visibilizar as súas demandas, explicou aos medios de comunicación o concelleiro do BNG, Xabier Macías.