Proseguen as declaracións de ex directivos de 'El Correo Gallego', centradas nos movementos de contas: "Parece un xogo de trileiros"
Proseguen as declaracións no xulgado con motivo da causa aberta ao ex director de 'El Correo Gallego', José Manuel Rey Novoa, e o ex xerente, Ángel Remesar, que se iniciou tras as denuncias de traballadores e traballadoras do diario por numerosa falta de pagamentos e na que se investiga un suposto desvío de fondos.
Esta cuarta feira compareceron ambos nunha vista que se centrou nos movementos de contas do armazón societario supostamente elaborado para eludir o pago das débedas acreditadas. Unha das novidades atópase nun informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) con data do 17 de outubro, que certifica que na conta de Código Televisión, unha das empresas vinculadas a El Correo Gallego, se ingresaron 175.000 euros de forma posterior ao concurso de acredores do xornal, declarado en 2022.
Entre as cantidades abonadas, con datas entre o 1 de xuño de 2022 e o 5 de novembro de 2024, as de maior cantidade corresponden a unha transferencia de Pharma Mar, con valor de máis de 48.000 euros, e outra realizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), de máis de 8.000 euros. Segundo trasladaron fontes presentes na vista, esta cuestión saíu a colación esta cuarta feira, sobre a que os acusados aseguraron que esas transferencias referíanse a facturas pendentes de Código Televisión.
Aluguer da nave e movementos entre contas
Outra das cuestións principais tratadas foi o aluguer da nave para a rodaxe dunha produción de Netflix, que arrendou as instalacións a través de Asemali Investimentos, administrada por Ricardo Asensi. En maio de 2025, a maxistrada encargada da instrución sumou aos feitos delituosos investigados unha posíbel convivencia entre Asemali Investimentos e José Manuel Rey para utilizar a empresa de Asensi como home de palla no arrendamento da nave e, así, subtraer o beneficio económico para logo facelo chegar a Think First, en mans de Rey e propietaria orixinal da nave.
No transcurso da vista, segundo relataron as mesmas fontes presentes, a fiscal preguntou directamente a Rey a que se debían as operacións e movementos bancarios entre todas as empresas con vínculo con 'El Correo Gallego', indicando que estas parecían un "xogo de trileiros". Isto atopou oposición en Rey, que acusou a fiscal de chamalo "trileiro", ante o que a xuíza insistiu en que esas non foran as súas palabras e que se limitase a contestar a súa pregunta.
Antecedentes
A investigación xudicial revelaba, nun auto de abril de 2025, "indicios de criminalidade importantes" e unha suposta operación de "insolvencia puníbel" destes ex directivos a través dun armazón societario e contas persoais co fin de eludir o pago de débedas ante organismos como a Seguridade Social e Facenda.
A investigación parte de Fiscalía, denuncias de particulares e ex traballadores e traballadoras do periódico que acumulaban unha múltiple falta de pagamentos de salarios. Paralelamente, en abril de 2024, o Xulgado do Mercantil número dous da Coruña xa considerou culpábel o concurso de acredores de Editorial Compostela SA e condenou o ex administrador único e ex director de 'El Correo Gallego', José Manuel Rey, a cinco anos de inhabiltiación para administrar bens alleos.
Nesa sentenza apuntábase que "se elaboraron contas irreais da compañía", con "numerosas irregularidades contábeis por contía elevada, a cal supuxo unha alteración do patrimonio da compañía exhibindo unha situación ficticia da súa solvencia".