Profesionais da saúde mental urxen unha prevención eficaz do suicidio

O suicidio é a principal causa de morte externa por detrás dos accidentes de tráfico.

O número de mortes por suicidio aumentou até 318 en 2019 fronte as 288 defuncións de 2018. 

De cara ao Día Mundial de Prevención do Suicidio que ten lugar esta quinta feira, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) lembra que se trata dun problema de saúde pública que atinxe toda a sociedade e "obriga todos os Gobernos a adoptaren cantas medidas sexan necesarias para reducir o seu impacto. Sen escatimar recursos".

Aseguran desde o colectivo que en 2013 a Asemblea Mundial da Saúde da OMS aprobou un plan de acción integral sobre a saúde mental que o Goberno galego tardou en recoñecer na práctica mediante o deseño dun programa de prevención específico que asinou en 2017. "Un documento de boas intencións pero inoperante ao non ter cronograma de execución, orzamento asignado, responsábeis técnicos nin unha avaliación regular que permita axustar a planificación futura segundo o coñecemento acumulado".

O número de mortes por suicidio aumentou até 318 no ano 2019, unha cifra "inaceptábel" pola cantidade que representa pero tamén pola escaseza de información de calidade que a rodea.

Así, ademais de recordar as vítimas nesta data, o MGSM exixe ao Goberno da Xunta "que poña en marcha con carácter inmediato medidas e intervencións de probada eficacia para obter resultados positivos".