Un problema "oculto" puido causar o colapso "sen precedentes" do viaduto da A-6

Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
O colapso, que afectou un tramo duns 50 metros de lonxitude que permanece pechado desde o comezo das obras de reparación, saldouse sen feridos.

O colapso do viaduto da A-6 á altura de Veiga de Valcarce a pasada terza feira puido ser debido a algún problema "oculto" na estrutura, que tería pasado inadvertido no proceso de revisión.

Así o comentou o director xeral de Estradas, Javier Ferreiro, ao expor as primeiras conclusión do sinistro en rolda de prensa. Segundo Ferreiro, o ocorrido non ten "precedentes" na enxeñaría civil estatal.

Outra das posíbeis causas sinaladas foi un defecto provocado polos traballos de reparación que se están a desenvolver desde hai aproximadamente un ano neste tramo que conecta Castro e Pedrafita do Cebreiro.

O director xeral de Estradas compareceu xunto co delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, no centro de control de túneles de Pedrafita do Cebreiro.

Cortes de circulación por tempo indefinido

O colapso, que afectou un tramo duns 50 metros de lonxitude que permanece pechado desde o comezo das obras de reparación, saldouse sen feridos.

O sinistro motivará o corte da circulación no viaduto lindeiro por un período de tempo indefinido até que as condicións de seguridade sexan verificadas, trasladou Miñóns.

Javier Ferreiro explicou que o tramo tivera que ser pechado o pasado verán, após fosen detectados altos niveis de corrosión no cableado da infraestrutura.

Tanto Miñóns como Ferreiro chamaron á prudencia mentres se investiga o ocorrido, ao tempo que avanzaron que revisarán todos os elementos da infraestrutura, incluída as cimentacións sobre as que se asentan todos os piares do viaduto.