Que é Cloudflare e por que un fallo seu pode afectar medio internet? Un problema na nube deixa sen funcionar X, ChatGPT e outras webs
Un problema masivo no provedor de servizos na nube Cloudflare deixou fóra de servizo diversas plataformas e páxinas web en todo o mundo, entre elas X (antiga Twitter), o xogo League of Legends, a ferramenta de edición Canva, ChatGPT e mesmo a edición dixital de Nós Diario, que estivo inaccesíbel durante varias faixas horarias da mañá desta terza feira. O corte impediu o acceso ou provocando un funcionamento moi limitado en servizos de uso habitual tanto para particulares como para empresas, tales como Movistar, La Caixa, Media Markt ou DownDetector.
A compañía confirmou arredor das 12.48 horas a existencia dun problema na súa rede, quedando resolto o incidente ás 15.42 horas, sen que Cloudflare, que fornece servizos clave de seguridade, rendemento e estabilidade a milleiros de webs e aplicacións, detallara as súas causas. A incidencia, polos seus efectos en cadea, lembra a caída recente de Amazon Web Services, que tamén deixou inutilizábeis múltiples plataformas dependentes do seu sistema.
Neste caso, o impacto é desigual: mentres a rede social X chegou a quedar completamente inaccesíbel para un alto número de usuarias e usuarios, outras aplicacións como League of Legends perderon conexión cos seus servidores, e ferramentas moi utilizadas, como Canva ou ChatGPT, presentan erros intermitentes ou non permiten iniciar sesión.
A dimensión da caída amosa a dependencia crecente de servizos centralizados de infraestrutura dixital e como un único fallo pode afectar en masa plataformas de comunicación, lecer, traballo e intelixencia artificial. Agárdase que nas próximas horas Cloudflare actualice información sobre a orixe do problema e os prazos de recuperación do sistema.
Que é Cloudflare e por que un fallo seu pode afectar medio internet?
Cloudflare é unha das empresas máis importantes —e ao tempo máis descoñecidas para o gran público— da infraestrutura de Internet. Milleiros de páxinas web, aplicacións e servizos dependen dela para poder funcionar con normalidade. Cando Cloudflare ten un problema, o impacto espállase por toda a rede.
A súa función pódese explicar de maneira sinxela: sitúase entre o usuario e a páxina web á que queremos acceder. Faino para cumprir tres tarefas básicas: acelerar a carga das webs (garda copias de moitos contidos en centros de datos repartidos polo mundo; así, cando alguén accede a unha páxina, recibe a información desde o punto máis próximo, non desde o servidor orixinal, que pode estar a miles de quilómetros); protexer de ataques (moitas webs sofren ataques que intentan colapsalas enviando millóns de peticións á vez; Cloudflare actúa como un escudo, filtrando o tráfico e impedindo que a páxina caia); e evitar interrupcións (se un servidor falla, Cloudflare pode redirixir o tráfico por outras rutas).
A dependencia é enorme: redes sociais como X, servizos de intelixencia artificial como ChatGPT, videoxogos en liña, aplicacións de edición, medios de comunicación e milleiros de webs utilizan diariamente Cloudflare. Se esa capa intermedia —a que acelera, protexe e ordena o tráfico— deixa de funcionar, moitas destas páxinas quedan inaccesíbeis ou con erros constantes, malia que os seus servidores sigan operativos.
En termos comparábeis, sería como se unha única empresa controlase boa parte das estradas principais do país: se eses accesos se fechan, practicamente nada chega ao seu destino.
O poder das infraestruturas dixitais
Situacións como desta terza feira, ou a da caída dos Amazon Web Services, amosan até que punto Internet depende de grandes provedores privados que actúan como pezas clave, aínda que discretas, da arquitectura global da rede.
Cando unha delas falla, os efectos nótanse desde xogos en liña até sistemas de comunicación ou ferramentas de traballo.