As probas periciais por agresións sexuais e violencia machista aumentaron un 15,6% en 2023
O Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) rexistrou un total de 1.272 probas periciais por agresións sexuais e violencia machista en 2023, o que supón un 15,6% máis que as 1.100 de 2022.
Así se recolle na memoria do Imelga de 2023 presentada esta terza feira, na que figuran máis de 25.000 probas periciais tramitadas, unha cifra á alza no último lustro. O conxunto divídese en 23.258 probas de clínica forense –que abarca as solicitudes de autoridades xudiciais en suxeitos vivos– e 2.008 de patoloxía forense –centradas en causas e circunstancias de mortes–.
Entre esas máis de 25.000 probas solicitadas, o Imelga emitiu 22.685 periciais (90% do total recibido). Ademais, máis dos 80% dos solicitantes tiveron á súa disposición un informe pericial de tipo definitivo.
Violencia machista
A violencia sexual e contra a muller representa 6% da clínica forense. Estas pericias divídense entre as 732 agresións físicas e 419 sexuais.
Como novidade na memoria de 2023 destaca a creación das Unidades de Valoración Forense Integral (UVFI), conformadas por profesionais da medicina, da psicoloxía e do traballo social forense co fin de construír un sistema probatorio de calidade nos casos de violencia de xénero e sexual, baseado nunha avaliación multidisciplinar das persoas, das contornas e das circunstancias. As súas actuacións céntrase nos casos de vítimas de especial vulnerabilidade, como mulleres, menores ou persoas con discapacidade, con 99 pericias o pasado ano.
Clínica forense
Segundo informaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Imelga, Noemí Morte, encargados de presentar os datos, das máis de 23.000 pericias solicitadas, 21.502 foron médicas, 890 particulares e 866 psicosociais. No caso das primeiras, a valoración psiquiátrica forense é a máis numerosa, con case 60% da demanda xudicial –12.600 pericias– e cun incremento progresivo nos últimos anos. Neste ámbito, os internamentos involuntarios, tanto hospitalarios como residenciais, representan máis de 40% da actividade. Séguenlle as valoracións por lesións, con 7.083 pericias, máis de 30% da actividade.
Polo que se refire ás pericias psicosociais, nas que participan psicólogos e traballadores sociais, recibíronse 866 solicitudes. Foron emitidos 1.721 informes, dos que máis de 1.100 foron de familia, 228 credibilidades do testemuño e 148 probas preconstituídas. O elevado volume de emisións fronte ás solicitudes derívase das medidas excepcionais postas en marcha pola Xunta para atender o incremento de peticións de informes psicosociais por parte dos órganos xudiciais, explica o Goberno galego.
Mortes violentas
O servizo de patoloxía forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. Neste sentido, en 2023 realizáronse 2.008 autopsias, das que 1.043 consideráronse morte natural e 965 morte violenta.
As mortes naturais estúdanse cando se presentan de maneira rápida e inesperada, sen que haxa sospeitas de criminalidade. Nestes casos, a causa máis frecuente é a patoloxía cardiovascular, cun 73%. A continuación, e con moita diferenza, sitúanse outras causas como patoloxías respiratorias ou dixestivas.
No caso das mortes violentas, a maior parte debéronse a accidentes, con 624, e a suicidios, con 326. Os 15 falecementos restantes foron por homicidios. A memoria recolle tamén outras actividades, como a asistencia a máis de 1.500 xuízos orais, a realización dun milleiro de gardas ou a actividade docente e de investigación científica.
O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Repártese en sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 134 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia.