A universidade de Abanca entra, canda as públicas, na Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego

Un dos campus que conforman a universidade de Abanca. (Foto: Europa Press)
"É unha nova porta aberta á privatización", lamenta a CIG, que lembra que o centro privado ten "titulacións concordantes" coas da pública, cuestión que vulnera a lexislación vixente.

A CIG considera que a entrada da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), que promove Abanca, no consorcio da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (Acsug) é "unha nova porta aberta á privatización" na educación superior. Así o denuncia esta segunda feira o sindicato nun comunicado, logo de que a Xunta presentase ante a Mesa xeral de empregados públicos un borrador de decreto para modificar os estatutos da Acsug, co obxectivo de dar entrada á UIE como novo membro.

En concreto, o texto modifica o artigo 2 dos estatutos do consorcio de maneira que quede expresamente fixado que, alén da Administración galega e das tres universidades públicas —A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo—, forma parte del esta universidade privada.

Isto parte dun acordo do consello reitor alcanzado nunha reunión do 22 de xullo do 2021, polo que a inclusión da UIE neste órgano require desta modificación normativa vía decreto. A respecto diso, a CIG mostra a súa oposición por entender que na Acsug "só deben ter presenza as universidades públicas, con independencia do control que sobre as súas titulacións debe exercer" este mesmo órgano e a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades.

A central sindical recoñece que non é un "cuestionamiento legal" desta decisión, mais si lamenta o "trato de favor" dado a Abanca coa creación da UIE, que ten "titulacións concordantes" coas públicas, algo que si é "contrario á lei".

Como "exemplo" diso, a CIG lamenta que, mentres as tres universidades públicas chegaron a un acordo de crear os graos de Intelixencia Artificial con 50 prazas en cada unha, a UIE botase a andar neste mesmo curso cun grao en Enxeñería en Sistemas Intelixentes con 100 prazas, unha titulación "claramente redundante".

"Onde está o control da Xunta? Onde está o conselleiro de Educación? Que papel se lle dá á Acsug? A privatización dos servizos públicos sempre precisa que desde o poder político haxa quen promova a lei e quen permita a trampa", sentencia o sindicato, sinalando como responsábeis ao ex presidente galego Alberto Núñez Feixoo e ao seu sucesor, Alfonso Rueda.

A UIE, parte do Sistema Universitario da Galiza

A UIE, como o resto de universidades aprobadas por lei —que tamén recibiu luz verde do Parlamento galego en xullo de 2021—, forma parte do Sistema Universitario da Galiza (SUG) e, por isto mesmo, "debe estar como membro de pleno dereito" tanto na Acsug como no Consello Galego de Universidades, segundo confirman fontes da Consellaría.

De feito, a propia lei do SUG, que data do ano 2013, estabelece que nestes dous órganos deben estar representadas todas as universidades constituídas no país, incluídas as privadas. Do Consello Galego de Universidades forma parte, por tanto, o reitor da UIE, que é tamén presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

Aliás, a Consellaría subliña que a universidade que promove Abanca recibiu "o aval" do Ministerio de Universidades, "cos votos a favor de 13 comunidades autónomas", e o seu proceso de creación "cumpriu coas máximas garantías" estabelecidas na normativa galega, que é "máis exixente que a estatal".

A respecto das críticas sobre as titulacións que ofrece a UIE, o mesmo departamento subliña que "calquera título oficial de grao ou máster está sometido aos mesmos procesos de verificación", sexan institucións públicas ou privadas, e requiren da aprobación final do Consello de Universidades a nivel estatal.