Prisión sen fianza para o detido pola caída da súa parella desde un cuarto piso no Barco

Concello do Barco de Valdeorras. (Foto: Concello do Barco)
Segundo detallaron fontes xudiciais, o sospeitoso está a ser investigado por un delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa.

O Xulgado de Instrución número 2 do Barco (Valdeorras) decretou esta quinta feira o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o home detido tras a caída da súa parella desde un cuarto piso na Praza de Andrés de Prada.

Segundo detallaron fontes xudiciais, o sospeitoso está a ser investigado por un delito de homicidio ou asasinato en grao de tentativa. Unha cualificación que deberá concretarse ao longo da instrución xudicial.

A titular do xulgado adoptou esta medida ante o elevado risco de fuga, debido á gravidade do delito e á posíbel pena á que se enfronta o investigado. Ademais, a xuíza tivo en conta a falta de arraigamento como argumento adicional para ordenar o seu ingreso en prisión.

Feridas de arma branca

Así mesmo, estas mesmas fontes confirmaron que a muller, de 35 anos, presentaba feridas compatíbeis co uso dun arma branca, ademais das lesións sufridas pola caída. Esta circunstancia reforza a hipótese dunha agresión previa ao momento en que se precipitou desde o cuarto piso do inmóbel.

A vítima continúa ingresada en estado grave no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde foi trasladada en helicóptero medicalizado pouco despois dos feitos, que aconteceron a pasada terza feira.