Prisión para o detido por apuñalar e matar un home e ferir de gravidade unha muller en Redondela
A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home acusado de apuñalar e matar outro home e ferir de gravidade unha muller.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), o home, de 48 anos e detido na madrugada da sexta feira, está investigado por dous delitos de homicidio, un deles en grao de tentativa.
Os feitos producíronse sobre as 02.00 horas na rúa Rubín de Redondela. O presunto homicida apuñalaría no peito, á altura do corazón, e no pescozo un home, J.A.F.C. de 43 anos de idade, acabando coa súa vida.
Pola súa parte, a parella deste, E.M.F. de 42 anos, tamén resultaría ferida de gravidade, sendo operada de urxencia.
Por todo iso, ao momento desprazouse unha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada co equipo do punto de atención continuada (PAC) e outra ambulancia de soporte vital básico. Con todo, nada puideron facer para salvar a vida ao home, mentres que trasladaron á muller ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Unha hora despois, axentes da Policía Nacional, contando coa colaboración da Policía Local, detiveron o presunto autor no seu domicilio.