Violencia machista

Prisión sen fianza para o home investigado por agredir a súa muller en Carballo, acusado de tentativa de homicidio

O acusado pasou a disposición xudicial esta cuarta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O home fora denunciado o pasado ano por insultos e vexacións, mais seguía convivindo coa súa parella ao non existir unha orde de afastamento.

O Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou esta cuarta feira o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para o home que na segunda foi detido por agredir a súa muller, que continúa ingresada en estado grave na UCI. Así, fica investigado por homicidio en grao de tentativa, sen prexuízo de posteriores cualificacións conforme avance a instrución do caso.

Así o veñen de notificar fontes xudiciais, que indican que a xuíza titular do número 1 de Carballo, que é o competente para asuntos de violencia sobre a muller no partido xudicial, tamén acordou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella, o que implica que o home non pode aproximarse nin comunicarse con eles.

Do mesmo modo, suspendeulle o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores, que será asumida en exclusiva pola nai. O presunto autor desta agresión chegaba pasadas as 10 horas da mañá desta cuarta feira aos xulgados, aos que accedeu polo garaxe e a bordo dun coche da Garda Civil, do que saíu encapuchado.

Os feitos polos que se lle investiga sucederon contra as 2.45 horas deste luns pasado no lugar de Fonte Caldeira, no municipio de Carballo, onde unha testemuña atopou á muller na rúa tras ser agredida e alertou á Benemérita.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario da PAC de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que, tras unha primeira asistencia no lugar, trasladou á muller ferida, duns 43 anos de idade, ao Hospital da Coruña. Pola súa parte, os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima, aseguraron por parte de fontes consultadas.

Detención

O marido da vítima e presunto agresor, que carece de antecedentes, fuxiu tras a agresión e, logo de ordenar a súa procura a Garda Civil, entregouse na Comandancia da Coruña, onde foi detido contra as 10.15 horas da segunda feira, desde onde foi trasladado ao cuartel de Carballo. A Policía Xudicial da Garda Civil do municipio abriu unha investigación para esclarecer os feitos.

Denuncia por vexacións

Con todo, delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, confirmou unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos ao home detido por agredir a súa parella no municipio de Carballo.

"O único dato que temos é que non existía ningunha denuncia previa, por tanto non había orde de afastamento nese sentido e seguían convivindo xuntos", explicou Miñóns, para puntualizar que "si había unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos".