O primeiro trimestre de 2020 deixa o peor dato de nacementos na Galiza desde que hai rexistros: 3.820

(Foto: Arxina)
En 2019 só cinco concellos galegos rexistraban un saldo vexetativo positivo.

O número de nacementos que houbo na Galiza no primeiro trimestre de 2020 é o peor dato desde que hai rexistros no Instituto Galego de Estatística (IGE) -desde 1996-, con só 3.820.

Galiza rexistra un saldo vexetativo negativo en 5.193 persoas nos primeiros tres meses deste ano. Deste modo, producíronse 3.820 nacementos -1.929 nenos e 1.891 nenas- fronte a 9.013 mortes -4.374 homes e 4.639 mulleres-.

Isto deixa un saldo vexetativo que empeora respecto ao mesmo período de 2019, cando houbo 3.861 nacementos e 8.752 defuncións.

De feito, ao peche de 2019 só cinco concellos galegos rexistraban un saldo vexetativo positivo: Ames (+72), O Porriño (+41), Salceda de Caselas (+29), Arteixo (+17), Ribadumia (+2).

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza. Se pousamos a mirada nos cinco rexistros máis baixos de taxa de natalidade de estados desde 1960 vemos como o noso país ten peores datos que eles. Preocupante.

Proxeccións

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%.