As primeiras pescudas sobre o accidente mortal dunha moza en Barro apuntan a un crime de violencia machista

O acusado, esta segunda feira, entrando aos Xulgados de Caldas (Foto: Europa Press).
O mozo que levou por diante o coche de Jéssica Méndez co seu propio vehículo está a ser investigado como presunto autor dun delito de homicidio ou asasinato, xa que os primeiros testemuños sinalan que "estaba obsesionado con ela" e que "a acosaba".

A pasada sexta feira Jéssica Méndez, unha moza de 29 anos residente en Verducido, faleceu no hospital polas graves feridas que sufriu tras ser embestida na estrada N-550 por outro vehículo.

Inicialmente se considerou un accidente, unha "colisión frontolateral" entre dous vehículos de cuxas pescudas se fixo cargo o equipo de Atestados da Garda Civil. Porén, conforme avanzou a investigación detectáronse certas circunstancias que fixeron que o caso pasase á Policía Xudicial.

Así, con base nesas pescudas, detívose o home que batera contra o vehículo da moza como presunto autor dun delito de homicidio. As investigacións apuntan a que se tratou dunha colisión provocada polo arrestado.

Fontes consultadas por Europa Press explicaron que tanto a moza de 29 anos como o home detido eran veciños de Barro, que non tiveran unha relación e que, con todo, podía tratarse dun suposto caso de acoso.

O Xulgado de garda decretou o ingreso provisional en prisión, comunicada e sen fianza, para o acusado

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, en funcións de garda, decretou esta segunda feira o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o home detido pola morte desta muller.

No que atinxe á tipificación do delito, o home está a ser investigado por homicidio ou asasinato, pendente de concretar ao longo da instrución. Pasou a disposición xudicial esta mesma segunda feira e foi recibido no Xulgado por achegados da vítima que lle proferiron berros e duros insultos.

Á saída, que se produciu nun furgón policial e custodiado por varios axentes, chegaron a golpear o vehículo exixindo ver o acusado, entre proclamas de que "hai que pedir xustiza por Jéssica".

Un "feminicidio"

Sobre o detido, Susana Rosillo, do movemento feminista de Pontevedra, destacou ás portas do Xulgado de Caldas que a morte da moza de 29 anos tras o accidente en Barro foi "un feminicidio máis ocorrido na Galiza".

"As circunstancias son as que non nos gustaría que fosen, pero podemos falar claramente dun feminicidio", asegurou aos medios, para engadir que "ao principio parecía outra cousa".

Aínda que matizou que "non había un vínculo estreito de parella sentimental" entre o detido por causar o accidente e a falecida, a portavoz deste colectivo feminista insistiu en que non se trata "dun homicidio máis, polo vínculo que había e polo que se demostrará co paso do tempo".

"Todo apunta a que vai ser un feminicidio, un acto de violencia machista", reiterou. "O vínculo que había non era de parella, era unha persoa que estaba obsesionado con esta moza", explicou, en relación a testemuños que sinalan que o detido "estaba obsesionado con esta moza".

"Os indicios apuntan a unha obsesión. Estaba a ser acosada desde hai tempo por este individuo e todo apunta a un feminicidio", subliñou, para admitir que "demostrar un acoso é complicado, pero ante a dúbida denuncia, denuncia e denuncia", porque "non se pode mirar para outro lado". "Son situacións difíciles de demostrar, mais hai ferramentas, polo que hai que actuar e denunciar", concluíu.

O Concello de Barro pide unha investigación

O Goberno local de Barro emitiu esta segunda feira un comunicado no que condena o presunto feminicio de Jéssica Méndez e pide que se realice unha "investigación exhaustiva" que verta luz sobre un caso que, "de se confirmaren todos os indicios, vai máis alá dun accidente de tráfico".

"Desgrazadamente, a vida de Jéssica Méndez xa non se pode devolver, mais a súa familia, seres queridos e toda a sociedade, necesitan que se esclarezan todas as causas que levaron á súa morte e que se faga xustiza", concluíron desde o Concello.

A este respecto, o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, salientou que as pescudas determinarán "se hai algo máis" tras este accidente de tráfico. "Veremos como vai a investigación. Agora mesmo, o que temos é un accidente de tráfico, e que se está investigando como homicidio doloso neste caso", dixo.