A presión hospitalaria baixa moi lixeiramente con 320 persoas ingresadas

Unha persoa con Covid-19 recupérase nunha Unidade de Coidados Intensivos. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
Logo da repunta de onte, os contaxios detectados diariamente caen á metade, 112 nas últimas 24 horas. Rexistráronse ademais seis pasamentos vencellados coa Covid-19.

O número de pacientes hospitalizadas na Galiza por mor da Covid-19 rexistra de novo unha leve baixada. Hai segundo os últimos datos da Consellaría de Sanidade 320 persoas ingresadas, tres menos das notificadas un día atrás. Delas, 75 (tamén tres menos) atópanse en unidades de cuidados intensivos (UCI).

Aliás, consonte as cifras feitas públicas este domingo, actualizadas ás 18 horas do sábado, nas últimas 24 horas sumáronse 112 novos contaxios de coronavirus, o que supón un descenso en relación aos 277 notificados a xornada previa, nos que se daba unha importante repunta.

A todo isto hai que engadir a tendencia favorábel dos casos activos, que continúan á baixa e se sitúan nos 2.749, nun descenso que vén aminorando nas últimas semanas. Son, con tod, 105 menos que hai un día.

Por áreas sanitarias, sofren unha repunta dos datos A Coruña-Cee e Ferrol. A primeira conta 123 pacientes ingresadas, tres máis que 24 horas atrás; e 28 en UCI, dous máis. A segunda subiu un as hospitalizacións totais, até 33, mais mantén en nove as críticas.

A área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras é a única que non varía a súa cifra total de enfermas hospitalizadas, con 21. Porén, baixa en un o número das que se atopan en coidados intensivos.

No resto, diminúe a presión asistencial. En Vigo suman 58 ingresadas (dúas menos), das que 14 (tres menos) se atopan na UCI; en Santiago-Barbanza, 36 hospitalizadas (tres menos), sete delas críticas (unha menos); en Pontevedra-O Salnés, 25 ingresadas (unha menos), oito en coidados intensivos; e en Lugo-A Mariña-Monforte, con 24 hospitalizadas (unha menos), das que na UCI están seis.

Seguen baixando os casos activos

Segundo os datos actualizados este domingo, a Galiza continúa a tendencia descendente nos casos activos, situándose nos 2.749, unha baixada de 105 en relación a onte. A única área na que este parámetro non desce é a de Ferrol, que rexistrou unha lixeira repunta de un, até os 231 casos.

Só se produciu un aumento no número de casos detectados en Ourense-Verín-O Barco, que suma 13 novos positivos, fronte aos 11 do día anterior. O principal descenso dáse en Santiago-Barbanza, que tan só dá conta de oito novos positivos após os 97 do día anterior.

Con 6.215 PCR realizadas nas últimas 24 horas, cifra similar á anterior, a taxa de positividade baixou até 1,5% nun día, logo de ser 3,3% o sábado. Cos datos de hoxe ningunha área sanitaria supera o limiar de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) estabelece como referencia japara dar por controlada a pandemia.

Seis falecementos

No último día recibiron a alta 211 pacientes. Porén, na noite do sábado o Sergas notificou seis novas vítimas mortais.