A presión hospitalaria non cede mentres seguen a aumentar os novos contaxios

Punto de cribado con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foro: Xunta da Galiza).
A incidencia da Covid-19 na Galiza mentén a tendencia á baixa.

A escalada de novos contaxios diarios de Covid mantense na Galiza, onde o Sergas confirmaou nas últimas 24 horas, 706 casos novos, o que supón case un centenar de positivos máis que os notificados na xornada anterior. Con todo, no que vai de semana o número de contaxios rexistrados rebaixa nun millar os acumulados á mesma altura hai sete días. Ademais, grazas ás altas epidemiolóxicas, a cifra global de infeccións activas segue caendo.

Segundo os datos feitos públicos esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con información obtida até as 18 horas desta quinta, rexistráronse 706 novos contaxios. Creceron en todas as áreas salvo na da Coruña, que sumou 153; seguida da de Vigo, 169; Santiago, 102; Lugo, 96; Ferrol, 67; Ourense, 60 e Pontevedra, 59.

Casos activos

Con respecto ao número total de persoas coa infección activa descendeu até os 11.752, 367 menos, e baixou en todas as áreas sanitarias. Así, na área da Coruña hai 3.648 casos activos de Covid; en Vigo, 2.935; en Lugo,1.282; en Santiago contan 1.174 casos; en Pontevedra,1.128 casos; en Ferrol, 850 e na área de Ourense, 735 casos activos.

Presión hospitalaria

A presión hospitalaria mantense enos rexistos de días anteriores cunha lixeira suba a respecto da xornada anterior. O ingreso de dúas persoas en unidades de coidados intensivos eleva a cifra total de doentes críticos a 62. Ademais, o Sergas rexistrou catro hospitalizacións máis en unidades convencionais, até as 268. En total hai 330 persoas ingresadas nos hospitais galegos.

Residencias

A incidencia do Covid nas residencias de maiores mantense sen cambios, con 101 usuarios contaxiados. Porén, a Consellaría de Política Social, confirmou dous casos positivos na residencia Santa Marta de Vigo que veñen ocupar o sitio das dúas altas rexistradas na residencia Val de Monterrei.

A residencia As Gándaras de Lugo segue con 50 usuarias contaxiadas; na residencia García Hermanos de Betanzos hai 28 casos, hai 6 casos na residencia Val de Monterrei, 5 en Santa Marta de Vigo e outros tantos na residencia Soremay de Pontevedra, 4 na residencia de maiores de Ribadeo, un caso en DomusVi Matogrande da Coruña, outro caso en San Estevo de Perlío en Fene e un caso en DomusVi Vigo.

Nos centros de atención á  discapacidade, non se rexistraron cambios nas últimas horas, con 57 usuarios contaxiados no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Chapela-Redondela (48) eno Fogar e Clínica San Rafael de Vigo (9). 

Incidencia 

O vaivén de cifras que deixa o seguemento da evolución epidemiolóxica non muda a tendencia á baixa da incidencia acumulada. No conxunto da Galiza sitúase na contorna dos 158 casos a sete días de dos 377 a 14. As cidades da Coruña, Vigo e Ferrol mantéñense á cabeza cunha incidencia máis alta.

Falecementos 

Desde o inicio da crise sanitaria faleceron 2.532 persoas con Covid. Os últimos decesos comunicados polo Sergas corresponden a tres homes, de 70, 89 e 91 anos de idade, que faleceron nas áreas de Ferrol, Ourense e A Coruña, respectivamente.