Preparándonos para coeducar
Hai xa varios anos que por estas datas estou inmersa como docente nos Cursos de formación inicial en igualdade para o profesorado en prácticas. Estes cursos véñense impartindo desde o período 2018-2019, logo de ser aprobado polo Goberno galego o Decreto 70/2017, polo que se regula a formación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero do cadro de persoal das diferentes Administracións en Galicia. Resulta ser esta una iniciativa pioneira dentro do Estado, e sen que a día de hoxe coñezamos algo semellante noutros lugares.
A miña motivación principal para exercer este tipo de docencia, é a de seguir sementando a preocupación pola desigualdade e a discriminación, que aínda seguimos a padecer as mulleres fronte aos homes, e que son as causas das diferentes formas de violencia de xénero. Grazas a estes cursos, polos que pasan cada ano máis de mil docentes das diferentes etapas educativas (Infantil, Primaria e Secundaria), é posible enxergar a situación actual dos centros de ensino, no tocante ás actitudes do alumnado, o compromiso dos equipos directivos, a implicación do profesorado e o papel das familias neste apartado da educación en igualdade para nenas e nenos.
Ás docentes e aos docentes que coma min imparten esta formación, preocúpanos principalmente achegarnos ao profesorado de Educación Infantil e Primaria xa que é nesas idades temperás onde cumpre procurar que medren sen estereotipos de xénero para que poidan conformar a súa personalidade libre de prexuízos e de condicionamentos familiares e sociais. E é neste intre en que estamos a preparar o novo profesorado para coeducar nos centros de ensino, cando me pregunto como poderíamos chegar ás familias tan influenciadas nestes tempos por unhas redes sociais, medios de comunicación ou publicidade, a cada cal máis sexistas. Porque o traballo que poidan realizar as mestras e os mestres nas etapas de Infantil e Primaria, se non ten unha continuidade nas familias, pode caer en saco roto ou correr o perigo de ser una burbulla illada e ineficaz.
Estereotipos de xénero
Coa axuda dos testemuños de Blanca e Olalla, profesoras deste curso en aulas de Infantil e Primaria, gustaríame poñer algúns exemplos destas situacións, ás veces contraditorias entre a escola e as familias, que non axudan para avanzar cara unha educación máis libre e inclusiva para as súas fillas e fillos. Velaí un caso acontecido nunha aula de 5º de Educación Infantil: "O outro día atopei unha chaqueta no patio que non tiña dono ou dona, e quixen saber de quen era para que puidese levala para casa e non quedara esquecida no centro. Dita chaqueta era branca e tiña algúns detalles, entre outros unhas flores de cores lilas e rosas. Comecei a preguntar a diversos nenos e nenas se esa prenda era súa. Cando llo dixen a un neno en concreto, respondeume que esa chaqueta non podía ser del xa que 'era de nena'. [...] Como podemos ver nesta situación existe unha socialización diferencial canto ao vestiario que deben empregar homes e mulleres […] Isto vén como consecuencia de que os nenos e nenas perciben esa diferenciación como normal, xa que é o que viven dende que nacen nas súas casas".
É nas idades temperás onde cumpre procurar que medren sen estereotipos de xénero para que poidan conformar a súa personalidade libre de prexuízos
Outra das profesoras comenta: "Un dos casos onde puiden ver esa diferenciación entre homes e mulleres foi na reunión de familias que realizamos ao comezo do curso. Case a totalidade das persoas que asistiron á reunión foron nais. Así mesmo, a comunicación continuada segue a ser con elas e son as encargadas de comentarme aqueles aspectos que lles preocupan, de pedir as titorías, de asistir ás mesmas, de cubrir os papeis que mandamos para casa, de axudar a preparar a mochila e a roupa para o día seguinte, de facer os deberes con elas e eles, de colaborar coa ANPA etc.".
Asemade, temos que reflexionar sobre as actitudes do profesorado cando reproducen dun xeito máis ou menos consciente todos os estereotipos que deberiamos evitar. María, Coordinadora TIC nun centro de Primaria, dinos: "Era a miña responsabilidade xestionar as incidencias dos ordenadores, pantallas e os problemas coa wifi. Non obstante, enfronteime a unha situación constante e frustrante ao inicio de curso. Cando un proxector non funcionaba ou un ordenador se 'colgaba', era habitual que as miñas compañeiras, antes de me comunicar a incidencia a min (a responsable oficial), chamasen ao mestre de pedagoxía terapéutica... A crenza subxacente, e ás veces verbalizada, era que "por ser home, seguro que controla máis de tecnoloxía. O meu nomeamento oficial como coordinadora era irrelevante fronte á súa condición de home".