PP e PNV negocian achegar os presos de ETA a cárceres próximos a Euskal Herria

 Os presos independentistas galegos solicitaron a finais do ano pasado perante Institucións Penitenciarias o seu traslado a Galiza. 

O PP e o PNV están negociando o achegamento de presos condenados por pertenza a ETA a prisións que non superen os 250 quilómetros de distancia de Euskal Herria, segundo adianta a Cadena Ser. As conversas están aínda na súa primeira fase e seguindo de esguello o debate interno entre o colectivo de presos de ETA sobre a aceptación dos beneficios da lei penitenciaria.

Dez serían as cárceres, ningunha delas en Euskal Herria mais si en territorios próximos (Zaragoza, Burgos...), onde se reubicarían os presos. Desde a Ser indican que estas conversas poden ser o principio da fin da política de dispersión, impulsada a mediados da década dos 80 polo goberno socialista.

A fin da dispersión e o traslados dos presos vascos a Euskal Herria é unha demanda que soborda o ámbito da esquerda abertzale e que é asumida por unha gran parte da sociedade vasca.

E os presos independentistas galegos?

Os presos independentistas galegos iniciaron en novembro do ano pasado unha campaña polo seu traslado a cárceres en Galiza, un paso co que procuran que se poña fin á política de dispersión que se lles aplicou desde o mesmo momento das súas respectivas detencións. A medida que cada un dos presos tiña revisión da condena, remitía un escrito á Dirección xeral de Institucións Penitenciarias no que solicitaban ser trasladados a Galiza. Un dereito, o de cumprir pena o máis próximo posíbel ao seu domicilio, recoñecido na propia lexislación española embora sexa negado de forma sistemática aos presos independentistas.

Para acompañar esta demanda, desde a asociación de familiares e amizades 'Que Voltem à casa!' impulsaron unha campaña de información e sensibilización sobre a realidade da dispersión e as súas consecuencias. “Só em 2016 percorrimos 272.892 kilómetros e gastamos a elevada suma de 35.948 euros”, afirman, para poder visitar os presos independentistas. Eses case 273.000 Km son os que tiveron que percorrer as amizades e familiares destas persoas presas para poder visitalas, visitas que son 40 minutos e unha vez á semana.

Ningún dos 7 presos independentistas cumpre pena en cárceres de Galiza. Ocaña (Toledo), Dueñas (Palencia), Topas (Salamanca), Mansilla (León) ou Villabona (Asturies), son algunhas das cadeas onde hai presos independentstas.