“Unha pota quente a piques de estourar”: persoal da residencia de Oleiros denuncia unha “situación insostíbel”
Mal estado das instalacións, falta de persoal e conflitos no centro polo ingreso de persoas con enfermidades psiquiátricas son algúns dos problemas que denuncian as traballadoras da residencia asistida de maiores de Oleiros.
Persoal da residencia asistida de maiores de Oleiros (comarca da Coruña) pediu amparo diante da Valedora do Pobo para rematar coa “situación insostíbel” que vive este centro público dependente da Consellaría de Política Social. Logo de meses remitindo as súas queixas á Xunta da Galiza e á propia Dirección do centro sen obter resposta, as traballadoras demandan da valedora que requira a Política Social “solucións a problemas como o mal estado das instalacións, a falta de persoal e os conflitos no centro polos ingresos de enfermos psiquiátricos”, denuncian, “sen ter espazo nin persoal axeitado para atendelos”.
As traballadoras deste centro de Oleiros piden “respecto e un trato axeitado” para as 284 persoas que residen no centro (44 por planta). Critican que a falta de persoal leva a que na quenda de tarde “só haxa tres técnicas”, unha “carga de traballo insostíbel” que non permite atender como merecen as persoas usuarias da residencia.
Desde esta residencia denuncian que a Consellaría de Política Social, da que depende o centro, non tomaron en conta ningún dos escritos que lle remitiron desde comezos de ano. Pola contra, explican as traballadoras, levan meses recibindo ingresos de pacientes con patoloxías psiquiátricas, que están a ser internados nas mesmas plantas e habitacións que os pacientes xeriátricos do centro. Critican as traballadoras que as patoloxías duns e doutros fan “incompatíbel” a súa convivencia no centro e denuncian, ademais, a falta de formación específica para atender os protocolos precisos para estes pacientes psiquiátricos.
A situación, segundo xa denunciaron as traballadoras do centro á Dirección, á Xunta e agora á Valedora do Pobo, chegou ao punto de seren “unha pota quente a piques de estourar”. Aseguran que xa se teñen producido conflitos entre os distintos residentes do centro e mesmo “entre residentes e traballadoras”. Ante estas súas queixas, critican que a Dirección do centro “fixo ouvidos xordos” e aseguran que os seus escritos a Política Social, “non tiveron resposta algunha desde comezos de ano”.
As traballadoras deste centro de Oleiros decidiron finalmente pedir amparo diante da Valedora do Pobo, para que reclame da Consellaría de Política Social a avaliación das condicións asistenciais e infraestruturais do centro. As dependencias desta residencia de Oleiros rexistran desde hai tempo humidades e mesmo caídas de azulexos en distintas estancias e problemas estruturais no exterior do inmóbel sobre os que aseguran non hai máis notificación que as propias denuncias do persoal.
Tamén critican “a carga de traballo inasumíbel” que o persoal do centro leva sufrindo desde hai meses. Así, demandaron da Xunta da Galiza a dotación dunha cuarta técnica en Enfermaría para atender a quenda de tarde, na que aseguran que a falta de persoal e a carga asistencial “fai imposíbel” facer actividades cos usuarios, que “pasan as tardes fronte á televisión ou vendo pasar as horas”.
As traballadoras deste centro reclaman que Política Social asuma as súas competencias e dote o centro residencial público “dos servizos que merecen os maiores que viven con nós, que somos como a súa familia”, aseguraron a Nós Diario, “temos o deber moral de protexer os nosos maiores”.