Santiago-Barbanza é xa a área sanitaria con máis hospitalizados e a segunda en casos activos

Un profesional sanitario baixa da ambulancia. (Foto: Carlos Castro/ EuropaPress)

Esta área colócase por detrás de Vigo en casos activos, nunha xornada que viu unha baixada nos positivos diarios malia o aumento en 200 probas PCR, pero na que sube a presión hospitalaria.

O número de casos de Covid-19 detectados na Galiza mantívose nas últimas 24 horas por baixo dos 350 positivos, con 200 probas PCR máis que o día anterior. A presión hospitalaria sofre un aumento do global de ingresados, a pesar de descender os pacientes en UCI.

Así o anuncian actualización dos datos da pandemia publicados na mañá deste domingo pola Consellaría de Sanidade, con cifras recollidas até as 18 horas do sábado.

Até ese momento, nas 24 horas previas foran descubertos 328 casos novos, 11 menos que o día anterior, despois de practicarse máis de 8.000 probas PCR cunha taxa de positividade do 3,6%.

Por áreas sanitarias, a maioría atópanse por baixo deste limiar, con Ourense en 0,5%; Lugo en 3,2%; Santiago e Vigo en 3,3%; e Ferrol en 4,7%. Así, A Coruña mantense lixeiramente por riba, en 5,8%, mentres que Pontevedra está en 8,4%.

Sobe a presión hospitalaria

Pola súa banda, a presión hospitalaria repunta na Galiza logo de o sábado descender o número de hospitalizados en 27 pacientes. Un día máis tarde, soben a 346, nove máis, se ben o número de pacientes en UCI se reduce en tres, co que pasan a ser 53.

Coa última actualización, a área de Santiago-Barbanza é o distrito sanitario galego con maior número de hospitalizados, despois de sumar outros seis ingresados. Son agora 78 en global, con 5 deles (un máis) na UCI.

Deste modo, a área compostelá supera á da Coruña-Cee, que se mantivo ao longo dos últimos meses como a zona con maior número de pacientes ingresados con coronavirus. Con todo, tamén soben os hospitalizados neste distrito sanitario até os 73, un máis que hai 24 horas, dos que 14 se atopan atópanse en críticos, igual ca onte.

Por detrás destas dúas atópase Vigo, onde tamén repunta o cómputo de ingresados relacionados coa pandemia até os 59 (dous máis). Na UCI da área viguesa non hai novidades e mantéñense 12 pacientes.

Na área de Pontevedra-Salnés aumentaron a 48 (tres máis) os ingresados, con oito en críticos (sen cambios). En Ourense-Verín-O Barco mantéñense en 35 (sen cambios) con tres en UCI; mentres que en Ferrol hai 37 (tres menos) con 5 en críticos (un menos); e , por último, en Lugo-Mariña-Monforte son este domingo 19 as persoas ingresadas con Covid (sen cambios), das que seis están en UCI (sen cambios).

Dous falecementos máis

As vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden xa a 1.338 após a morte de dúas persoas nas últimas horas, a menor cifra notificada pola Consellería desde o 28 de novembro.

Sanidade recolle que desde o principio da pandemia se diagnosticou de Covid-19 a un total de 59.067 persoas, das que 52.125 se curaron, 379 nas últimas 24 horas.