Malestar en Vilanova de Arousa por retirar Portos unha faixa contra a mina de Touro

Imaxe: Diario de Arousa

Malestar na Confraría, que defende o seu dereito a pendurar no edificio unha reclamación do sector.

Os portos da Ría de Arousa están estes días inzados de cartelería de todo tipo chamando a participar na manifestación deste domingo en Compostela contra o proxecto mineiro de Touro-O Pino. Un proxecto mineiro que xera un amplo rexeitamento nesta comarca, preocupada porque a contaminación desa actividade chegue –vía Ulla- a augas da Ría e prexudique a actividade marisqueira e acuícola.

 

Faixas en zonas portuarias, cartaces en lonxas, tamén en Pósitos… animan a asistir a esta manifestación. Unha desas faixas estaba na Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa mais foi retirada por persoal de Portos de Galiza, organismo da Consellería de Mar. Unha acción que se xustificou en que no edificio –propiedade de Portos- non pode haber propaganda política. A Confraría nega que a faixa sexa propaganda política e defende que é unha reivindicación do sector.