VÍDEO | O Pórtico da Gloria, reconstruído en 3D nunha peza audiovisual
Unha peza audiovisual expón por primeira vez en 3D a fachada orixinal do Pórtico da Gloria. Trátase dun documento de 16 minutos que presenta un ensamblaxe de "todas as súas esculturas dispersas, restauradas na súa localización actual". Isto foi posíbel, tal e como sinalou a Universidade de Santiago de Compostela (USC) esta quinta feira, grazas a un traballo que "combina a investigación histórico-artística máis avanzada coas últimas tecnoloxías en virtualización do patrimonio". En concreto, a realización débese ao proxecto ' 'KosmoTech_1200', da USC e o Cispac, que desenvolveron a reconstrución do coro do Mestre Mateo, e da colaboración da Fundación Catedral de Santiago e o Consello da Cultura Galega.
A peza recupera a policromía orixinal das esculturas, baseándose en estudos de pigmentos e motivos decorativos da primeira policromía do Pórtico. Para isto, os promotores apoiáronse nunha documentación comparativa que "ofrece unha lectura iconográfica da composición e o movemento das vestimentas".
San Martiño Pinario convértese nun museo
Xoias destacadas do barroco, como o retablo maior da Igrexa de San Martiño Pinario de Compostela, considerado obra cumio deste estilo, e a monumental cadeira do coro realizada por Mateo de Prado no século XVII poden visitarse desde esta quinta feira no Museo Diocesano da capital. O espazo, localizado en San Martiño Pinario, foi inaugurado esta quinta feira polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto. A iniciativa, impulsada no marco do programa Compostela Sacra, nace coa vontade de conservar, estudar e difundir o patrimonio histórico-artístico da Igrexa compostelá e da Catedral.