Pontón insta á Xunta a intervir todos os xeriátricos da Galiza

Ana Pontón nunha intervención no Parlamento. (Foto: BNG)
O BNG entende que, despois de detectar dous novos gromos en Lobeira e Oleiros, está xustificada unha actuación global para que "se blinden estes centros" residenciais.

Após a aparición de abrochos de coronavirus con moitos contaxios nas residencias da Fundación San Rosendo, en Lobeira, e na Ballesol, no municipio de Oleiros (ademais do sucedido en Culleredo), o principal grupo da oposición reclama unha actuación urxente e decidida por parte da Xunta da Galiza.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu esta quinta feira que o Goberno de Feixoo "interveña todas as residencias".

A situación xa era complexa pero os dous últimos gromos detectados en tan só 24 horas fixeron que o partido instase a tomar medidas máis drásticas das que se levaron a cabo até o de agora.

Pontón incidiu en que a Xunta ten que invertir para asumir "o control público" de todo o tecido de infraestructuras deste tipo, pois agora só están baixo a tutela pública os xeriátricos do Incio, DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e El Pinar, no concello de Culleredo.

Para a representante, tomar o control de todas as instalacións pode servir para "evitar que volvan converterse na zona cero da pandemia". Ao fío desta declaración, lembrou que na primeira vaga do virus, nestes espazos houbo "un tráxico balance de vítimas", dado que o 45% das mortes foron de usuarias e usuarios.

"Eludindo a súa responsabilidade"

Desde que os contaxios comezaron a propagarse novamente en agosto, boa parte das máis de 70 vítimas vivían en fogares de maiores.

"O Goberno non pode seguir eludindo a súa responsabilidade e, por iso, o BNG levou ao Parlamento a creación dunha comisión de investigación para analizar o que pasou, corrixir erros do pasado e avanzar nun modelo que permita garantir o dereito a unha vellez digna", subliñou Pontón.

No entanto, esa proposta foi desbotada ao non contar co respaldo do PPdeG, que é o grupo maioritario na Cámarra galega.

"Urxe adoptar medidas e os datos de contagios masivos evidencian que están a fallar os protocolos", advertiu a Feixoo. Unha intervención xeral debería ser útil para "anticiparse e garantir medios e recursos suficientes e garantir que se cumpren os protocolos covid".