Pontevedra rexeita as touradas cunha grande cadea humana e dúas manifestacións

[Imaxe: SG]

O 10 e 11 de agosto, cadrando co inicio das festas da Peregrina, rodearán a praza de touros da cidade do Lérez contra a celebración deste tipo de espectáculos.


As protestas contra as touradas continúan no noso País e desta volta tócalle á cidade de Pontevedra. O vindeiro sábado 10 de agosto unha cadea humana rodeará a praza de touros en protesta pola celebración de espectáculos taurinos e que rematará cun minuto de silencio, coas mans erguidas e pintadas de vermello simulando sangue, "polos milleiros de vítimas" das touradas. 

A acción reivindicativa, que dará comezo ás 11 da mañá, está organizada pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, quen chama ás persoas que queiran participar a asistiren vestidas de negro.

Que Louzán peche a billa das axudas públicas

Para alén da denuncia a esta práctica, a intención da acción é reclamar que a deputación gobernada por Rafael Louzán peche a billa "de inmediato" ás axudas que concede "de maneira indirecta ou encuberta".

Entre 2008 e 2010, Louzán entregou 8.559 euros para a Xunta anual de peñas taurinas e para tres edicións de Conferencias taurinas organizadas pola peña Gin Kas. Aliás, segundo os dados que mañeza Touradas fóra de Pontevedra, outros 50.000 euros foron parar a licitacións de publicidade do Patroado de turismo das Rías Baixas na propia praza de touros entre 2009 e 2010.

Após a cadea humana, unha manifestación cuxo horario e percorridos non foron confirmados percorrerá as rúas da cidade do Lérez como anticipo da grande mobilización do sábado, día 11: cadrando coa inauguración dos festexos da Peregrina, o evento contra as touradas está convocado por máis de 41 colectivos políticos e sociais.