A Policía Local de Sanxenxo intervén nunha festa ilegal de Aninovo nun hotel

Vista da vila de Sanxenxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Os axentes interpuxeron máis dunha vintena de denuncias ás persoas que participaban da celebración, que supostamente non cumpría os protocolos estabelecidos en plena pandemia.

Axentes da Policía Local de Sanxenxo interviñeron nunha festa presuntamente ilegal que se estaba a celebrar en Noitevella nun hotel de catro estrelas da localidade. Segundo transcendeu hoxe, as forzas de seguridade chegaron a pór máis de 20 denuncias a algunhas das persoas que participaban no evento e non respectaban as medidas sanitarias e de seguridade estabelecidas para evitar unha maior expansión do coronavirus.

O Concello de Sanxenxo asegurou que o negocio de hospedaxe fixera publicidade dunha cea con barra libre e DJ para despedir o ano. O anuncio levaba días nas redes sociais. Por iso, se enviou até o lugar a una patrulla para advertir ao xerente de que o hotel incorrería en infraccións de non cancelar a actividade.

Por iso, ao longo do 31 de decembro aumentaron os controis nos accesos ao local. No decorrer desa tarefa os axentes chegaron a interceptar unha vintena de vehículos procedentes de distintos puntos da Galiza como Ourense, Muxía, Vigo e Lugo, entre outros.

De madrugada tamén deron o alto a unha parella procedente do Barco de Valdeorras que non puido xustificar a súa visita a Sanxenxo.

O municipio de Sanxenxo ten unha prohibición dese nivel para conter a pandemia do coronavirus. Durante esas datas concretas os fechamentos perimetrais non tiñan valor por cuestións laborais ou para asistir a reunións familiares pero si por outros motivos.

Reacción do hotel

Pola súa parte, o Hotel Augusta Eco Wellnes Resort de Sanxenxo, onde supostamente decorreu a celebración de Fin de Ano que provocou a denuncia dunha vintena de persoas por parte da Policía Local por infrinxir a normativa sanitaria, saíu ao paso das acusacións para negar estes incumprimentos. 

Ademais, aclarou que non descarta exercer "as accións legais" que sexan necesarias para defender os seus "intereses", os seus "dereitos" e o seu "bo nome".