Enquisa de EM-Analytics: A poboación galega suspende a política sanitaria da Xunta da Galiza
O instituto demoscópico EM-Analytics elaborou unha enquisa de opinión pública en exclusiva para Nós Diario, con entrevistas realizadas entre o 11 e o 16 de xuño, na que analiza a posición da cidadanía galega en relación co sistema de saúde e as políticas na materia da Xunta da Galiza.
A poboación galega suspende o funcionamento do sistema sanitario público. Unha enquisa elaborada instituto demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario, resultado dunha mostra de 700 entrevistas online e telefónicas efectuadas entre o 11 e o 16 de xuño, sinala que a cidadanía valora con 4,8 puntos sobre 10 o "estado actual do Servizo Galego de Saúde en canto a calidade de atención, accesibilidade e recursos dispoñíbeis". As datas escollidas para o traballo de campo, anteriores ao comezo das vacacións de persoal sanitario cuxas prazas non están a ser cubertas, coa conseguinte redución de servizos, achegan unha imaxe máis axustada da opinión da poboación, ao non estar suxeita a conxunturas concretas.
A valoración sobre o funcionamento do sistema sanitario galego é transversal. Segundo recolle a enquisa de EM-Analytics, a peor consideración sobre a situación da sanidade achégaa o electorado de Democracia Ourensá (DO), que lle outorga catro puntos sobre 10. A continuación, as persoas que declaran votar ao BNG cualifican con 4,5 puntos sobre 10 o estado do Sergas, suspendendo, tamén, o seu funcionamento a base electoral de Vox, que valora con 4,7 puntos sobre 10 a calidade asistencial do sistema sanitario galego. Pola súa parte, o electorado do PSdeG aproba o Sergas cunha puntuación de 5,4 sobre 10.
As mellores cualificacións sobre o estado da rede sanitaria galega chegan desde o electorado do PP. Neste caso, os votantes populares outorgan 5,9 puntos sobre 10 ao funcionamento do Servizo Galego de Saúde, rexistrando neste segmento electoral os seus niveis máis elevados de aprobación. Porén, a foto desta sondaxe evidencia o desconto do corpo electoral popular coa situación do sistema de saúde galego e desvela un estado de opinión social ben diferente ao expresando polos responsábeis da Xunta da Galiza. Nesta perspectiva, o estudo confirma o alto grao de insatisfacción coa calidade asistencial do sistema sanitario entre a base de apoio do partido do Goberno.
Crecente malestar co estado da sanidade galega
Os datos ofrecidos pola sondaxe de EM-Analytics están en liña cos achegados por outros estudos demoscópicos, como o Barómetro Sanitario elaborado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Na súa última entrega con datos desagregados por comunidades autónomas e referida ao ano 2024, apuntaba que as principais queixas da cidadanía galega estaban ligadas as dificultades para poder acceder aos servizos de Atención Primaria.
Os tempos de espera para conseguir unha cita en Atención Primaria alcanzan o mes en moitas localidades galegas. Malia que estes son inferiores fóra da tempada estival, no resto do ano os períodos de agarda seguen a ser moi elevados, sinalando o Barómetro Sanitario que 23,6% da poboación galega non puido acceder a unha cita presencial ou telefónica co seu médico de familia cando presentaba síntomas ou rexistraba algunha doenza durante o ano 2024. Esta problemática é consecuencia dos recortes de persoal acometidos polo Goberno galego, que ao remate desa anualidade mantiña sen cubrir 254 prazas de Medicina na Atención Primaria.
Mais a situación non é mellor na Atención Especializada. A este respecto, os propios datos fornecidos pola Consellaría de Sanidade recoñecen que 357.821 persoas estaban nas listas de espera estruturais dos hospitais galegos ao remate de 2024. Neste caso, 48.335 delas agardaban por unha intervención cirúrxica, 196.267 esperaban por unha consulta hospitalaria e 113.219 agardaban por unha proba diagnostica. A maiores, o Sergas mantén as denominadas listas de agarda non estruturais, cuxos datos se nega a revelar pero que os colectivos en defensa da sanidade pública estiman en 30% máis.
O malestar co funcionamento do sistema sanitario galego déixase notar nas múltiples mobilizacións que se desenvolven en todo o país. Así, na xornada de onte a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza volveu concentrase diante do centro de saúde Aguiño, no concello de Ribeira, para demandar á Xunta da Galiza a cobertura das prazas de persoal médico vacantes nestes momentos.
E un grupo de mulleres, a maioría delas embarazadas, concentrouse tamén onte ante o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para exixir condicións "dignas" durante a súa xestación e en repulsa ao traslado do paridoiro da cidade a unhas instalacións que non consideran adecuadas. A este respecto, denuncian que "agora mesmo hai un espazo de 500 metros que se vai reducir a cento e poucos" e que "non hai auga quente nestas instalacións onde queren mandar o paridoiro". "Perdemos algo fundamental que é a sala de parto natural, cando a maior parte de nais agora mesmo están interesadas no parto natural", denunciaron.
O conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, alegou onte en resposta ás protestas que o traslado do paridoiro será algo "provisional" tras o derrubamento ocorrido a finais de marzo.
Un mes de agarda para lograr cita en Primaria
A situación do sistema sanitario galego complícase nos meses de verán pola negativa da Xunta da Galiza a cubrir as baixas de persoal na Atención Primaria e na Atención Especializada derivadas das vacacións estivais. E os tempos de agarda para conseguir unha cita médica nos centros de saúde téñense incrementado de forma considerábel. Así, por exemplo, as persoas usuarias do centro de saúde de Coia, en Vigo, deberán agardar até agosto para lograr unha consulta, acontecendo outro tanto, no ambulatorio do Ventorrillo, na cidade da Coruña. E unha situación análoga dáse en localidades costeiras de importante presión turística como o Grove (O Salnés), Ribeira (O Barbanza) ou Viveiro (A Mariña).
Aliás, os hospitais galegos non escapan á política de recortes. A este respecto, a Xunta da Galiza procedeu ao feche 743 camas hospitalarias na tempada estival, destacando a súa incidencia nas áreas sanitarias da Coruña, con 221, e de Vigo, con 174. Nos dous casos trátase de demarcación sanitarias nas que aumenta a poboación nese período pola chegada de turistas, asociada en moitos casos a unha segunda residencia. Neste sentido, os colectivos en defensa da sanidade pública denuncian que esta práctica "incrementa as listas de agarda".