A Plataforma 'Galiza con Catalunya' enceta unha campaña de apoio ao proceso independentista

O colectivo está integrado por diversas formacións políticas, sociais e sindicais. O 16 de setembro un coloquio en Marín afondará na situación do proceso independentista. 

 

A Plataforma Galiza con Catalunya, conformada por distintas organizacións políticas, sociais e sindicais entre as que se atopan o BNG, a CIG, Causa Galiza, e o Comité de solidariedade internacionalista Mar de Lumes, presentaron o 11 de setembro --con motivo da Diada-- a súa vontade de impulsar unha campaña de actividades a prol do proceso independentista nas datas previas ás eleccións catalás o vindeiro 27 de setembro. 

A Plataforma, Galiza con Catalunya, anima máis organizacións a se adheriren ao Manifesto de solidariedade

Neste senso, aseguran no Manifesto editado que nesa xornada electoral o pobo catalán "ten a oportunidade de definir nas súas institucións até agora autonómicas unha maioría política que declare formalmente a independencia e transforme o seu país nun novo Estado no concerto dos Estados do mundo". Nese contexto e empapad@s "por un elemental sentimento de solidariedade con todos os povos do mundo e polo apoio incondicional ao exercicio do direito de autodeterminación", desenvolverán diversos actos cos que "implicar nestas eleccións plebiscitarias" a comunidade galego-catalá mais tamén á fin de dar a coñecer a realidade que atinxe Catalunya. 

Así, na cuarta feira (16 de setembro) Mar de Lumes  e a plataforma Galiza pola Soberanía convocan un coloquio na Biblioteca Pública de Marín no que participará Susana Montesinos, voceira da Assemblea Nacional Catalana na Galiza. Será ás 20 horas.