Plataforma de Afectadas pola Hepatite C recorrerá o arquivo da causa pola morte de pacientes do Sergas

Protesta da Plataforma de afectados pola Hepatite C
A Plataforma de persoas afectadas pola Hepatite C recorrerá a decisión do xulgado de instrución 3 de Santiago de Compostela de arquivar a causa na que se investigaba o director de Asistencia Sanitaria e a subdirectora de Farmacia do Servizo Galego de  Saúde (Sergas) por posíbeis delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación, denunciados por non facilitar o tratamento de pacientes con esta enfermidade.
 

O auto, coñecido esta cuarta feira, resolve o sobresemento provisional e arquivo das actuacións por «non terse debidamente xustificada a perpetración dos delitos» que motivaron a investigación xudicial, iniciada tras unha denuncia interposta pola Fiscalía, que á súa vez asumiu a presentada pola asociación sanitaria Batas Brancas.

Nun comunicado, a Plataforma pon de manifesto o seu desacordo coa resolución xudicial, que chega após tres anos e oito meses de investigación. «O coñecemento de determinados feitos e documentos que tivemos durante o transcurso deste proceso reafírmanos na nosa posición de que as cousas non se fixeron como deberían», manifestou a Europa Press o portavoz Quique Costas. «O auto cita testemuños e informes xenéricos emitidos por persoas e organismos que non están especializados na materia, ao tempo que despreza as declaracións prestadas por persoal médico especialista e responsábeis de farmacia que estiveron directamente implicados cos tratamentos de pacientes que figuraban na denuncia», sinalou.

A Plataforma tamén quixo manifestar a «total solidariedade» coas familias das vítimas e reafirmar o seu compromiso por seguir adiante até que se aclaren as circunstancias das mortes, de maneira que «se faga xustiza e poidan ser reparadas»

Igualmente, agradeceu o traballo «de firme defensa do coñecemento da verdade» feito polo Ministerio Público. A conclusión da Fiscalía, reflectida no auto de sobresemento provisional e arquivo, foi que as persoas investigadas terían demorado de forma inxustificada a toma de decisións relativas á contratación de fármacos prescritos polo persoal médico que atendía a pacientes con Hepatite C, «incumprindo os procedementos e/os protocolos sanitarios estabelecidos a tal fin, antepoñendo razóns de tipo orzamentario respecto da saúde das propias persoas doentes, co conseguinte risco para as súas vidas, algunhas das cales faleceron».