Activado o Plan de Emerxencias polo incendio nunha nave de reciclaxe de Vilalba

A nave que ardeu en Vilalba. (Foto: TVG)
Foi un particular quen alertou do fogo esta tarde.

A Xunta vén de activar o Plan Territorial de Emerxencias da Galiza (Platerga) por un incendio declarado nunha nave de reciclaxe en Vilalba (comarca da Terra Chá), no Polígono Industrial Sete Pontes. Deste modo, explican desde o Goberno galego, búscase garantir a coordinación entre os organismos mobilizados e facer fronte a esta situación de risco.

Concretamente, foron mobilizados até o momento efectivos dos Bombeiros de Vilalba, Barreiros, Sarria, Eume e Lugo para colaborar no control e extinción do fogo, do que alertou un particular ao 112-Galiza contra as 18 horas desta quinta feira.

Até o lugar tamén se mobilizaron o GES de Friol-Palas e o GES de Monterroso, xunto con efectivos da Policía Local e da Garda Civil, así como medios do distrito forestal da zona. E fixeron acto de presenza os efectivos sanitarios do 061, se ben, polo de agora, non se ten constancia de persoas feridas ou afectadas por este incendio.