Controlado o lume da parroquia do Pindo, en Carnota

O incendio da Mezquita arrasa 240 hectáreas e segue activo

O lume de Navia de Suarna foi un dos máis importantes do verán. / Carlos Castro
Galiza volve arder no mes de  setembro, nunha fin de semana na que as altas temperaturas e o forte vento complican as manobras de extinción.

Permanece activo o lume da Mezquita (Ourense), que xa levou por diante máis de 240 hectáreas. O incendio declarado en Carnota, na Coruña, que afecta a Quilmas e á zona do Monte Pindo, queimou unhas setenta hectáreas pero está controlado desde as 18.00 horas, segundo informou a Consellaría de Medio Rural.

O incendio de Carnota declarouse ás 7.30 horas e o forte vento do Nordés complicou desde o comezo os labores de extinción. No caso da Mezquita, o lume deuse ás 12.30 horas do mediodía do sábado e, aínda que os corpos de bombeiros conseguiron controlalo, segundo a consellaría reavivouse por mor dunha nova fronte procedente de Portugal.

Canto aos iniciados durante a fin de semana na provincia de Ourense, os que se produciron nas parroquias de Castiñeira e San Cristovo, no concello de Vilariño de Conso declaráronos controlados. Con tres focos en cada un dos lugares incendiados, a estimación de superficie queimada é de máis de 60 hectáreas.

Desde a consellaría tamén se comunicou que se conseguiu extinguir o lume que afectou o concello de Chandrexa de Queixa e que queimou unhas 40 hectáreas.