Chaman a facer un "uso responsábel da auga" na bacía do Miño-Sil ás portas do verán

Encoro de Belesar, á altura de Portomarín, a finais do agosto pasado. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os encoros da conca están por baixo do nivel habitual. Desde primeiros de outono recolleron un 45% menos de precipitacións. Con todo, non se prevé desabastecemento.

"Sen alarma nin dramatismo pero si con preocupación responsábel a piques de entrar o verán", o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, acompañado polo xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica, Carlos Ruiz, pide aos concellos "un uso responsábel da auga" .

Após unha das reunións coa mesa técnica da seca Quiroga deu a coñecer os datos que se manexan a 31 de maio sobre este ano pluviométrico que comezou o pasado 1 de outubro. En comparación coas mesmas datas do ano pasado recolléronse un 45 % menos de precipitacións, "un dato clarificador de como está a situación a día de hoxe", expuxo, e precisou que mentres este ano a cifra alcanza os 530 litros por metro cadrado o ano pasado era de 966.

Os encoros están a un 54% da súa capacidade mentres que o ano pasado nestas datas atopábanse a un 70%

Con todo, pediu que "non haxa alarma" posto que o ano hidrolóxico parécese ao do 2017, aseverando así que, aínda que "hai preocupación, non dramatismo" e que o importante é "prever e tomar medidas".

Medidas de aforro

Deste xeito, solicitou que se "faga uso responsábel da auga" en parques, piscinas e baldeo de rúas e tamén que se revisen os sistemas de traída e abastecemento para evitar "perdas innecesarias", apuntando que se detectaron deficiencias nalgunhas redes "provocando incluso a perda do 30% de auga". Na mesma liña fixo un chamamento ás empresas hidroeléctricas que xestionan os encoros para "controlar a auga" por se as precipitacións non recobrasen a normalidade.

Cos datos sobre a mesa, o presidente esgrimiu que o ano pluviométrico "é anómalo", que os encoros están a un 54% da súa capacidade mentres que o ano pasado nestas datas atopábanse a un 70% e a media, o que se considera habitual, sería un 79%. Tamén falou sobre os caudais circulantes, é dicir auga de ríos e regatos, onde se rexistra un 57% menos do habitual, "polo que podemos falar de preocupación responsábel, dunha situación para tomar medidas", advertiu.

A situación da conca do Miño é de normalidade, de prealerta na do Sil e de alerta no Cabe

Con todo, incidiu en que a situación da conca do Miño é "de normalidade", de "prealerta" na do Sil e de "alerta" no Cabe, polo que trasladou que a precipitación destes días é "moi benvida pero recolle menos de 17 litros de media, unha cifra que non é despreciábel pero non achega unha solución para os recursos hídricos".

Dado que as previsións das axencias meteorolóxicas non indican, polo momento, "un cambio substancial da situación", pide que aos concellos "adopten medidas de aforro porque son os que teñen as competencias para facelo", do mesmo xeito que para impor sancións se "se incumprise algunha directriz posta pola administración local".

Comunicación aos concellos

Neste sentido, anunciou que froito das reunións coa mesa técnica da seca, que comezaron xa en febreiro ao detectar os primeiros síntomas de escaseza pluviométrica, enviáronse unha serie de comunicacións que se van seguir enviando. Polo momento 200 aos concellos da conca e 44 ás comunidades de regadores coa finalidade de "trasladar os datos, a preocupación e recomendarlles e instarlles a tomar medidas de cara á campaña de verán".

"A responsabilidade á hora de tomar medidas é da administración local por iso estamos agora avisando con tempo, para evitar situacións que se deron no 2017", expuxo Quiroga manifestando, iso si, que non haberá problemas xeneralizados porque, ademais, "a sorte da conca é que o abastecemento a vilas e cidades non depende estritamente do nivel dos pantanos, polo que non se prevé ningún problema de abastecemento".