Piden que se investigue a actuación policial cunha crianza en Narón

Esculca eleva á Fiscalía de Menores un escrito en que demanda a apertura de dilixencias pre-procesuais que depure as responsabilidades penais, se as houber. Entenden que afastar un neno lactante da súa nai "incumpre diferentes preceitos da Lei de protección xurídica do menor e da Convención das Nacións Unidas sobre dereitos dos nenos"

 

A actuación desenvolvida pola policía española durante a detención da independentista Sílvia Casal e do seu compañeiro Júlio Sayáns o 29 de novembro en Narón podería ser investigada pola Fiscalía de menores. Así llo socicitou ao Observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca nun escrito rexistrado perante esta entidade xudicial, en que exixen a apertura de dilixencias pre-procesuais para esclarecer o acontecido.

Segundo a información facilitada pola propia Sílvia Casal nunha entrevista publicada no semanario nº23 deste xornal, no momento das detencións ambas as dúas persoas estaban en compaña do seu fillo, un bebé de oito meses de idade que só tomaba leite materno e que ficou sen se alimentar durante varias horas.

Estima Esculca que a ausencia de persoal competente e autorizado para se facer cargo da crianza, sabendo previamente das circunstancias persoais das persoas ás que ían prender, nomeadamente da nai, lactante, "incumpre diferentes preceitos da Lei de protección xurídica do menor e da Convención das Nacións Unidas sobre dereitos dos nenos". Por tanto, solicitan a apertura dunha investigación que depure, de existiren, as responsabilidades penais e/ou administrativas respecto da actuación da policía.