Piden dous anos e dous meses de prisión para o activista Chema Naia

Chema Naia entrando aos Xulgados de Fontiñas, en Compostela, o pasado 1 de marzo (Foto: @absolucionchema).
Está acusado dos presuntos delitos de lesións e atentado contra a autoridade nas mobilizacións contra o desaloxo do Escárnio e Maldizer, en 2017.

O activista Chema Naia foi xulgado o pasado 1 de marzo nos Xulgados do Penal de Fontiñas, en Compostela, acusado dos presuntos delitos de atentado contra a autoridade e lesións en maio de 2017, canda o desaloxo do centro social autoxestionado Escárnio e Maldizer, na capital galega.

O xuízo, previsto inicialmente para o 20 de decembro de 2021, suspendeuse ao non ser posíbel reproducir ao mesmo tempo un vídeo na sala de vistas e no ordenador desde o cal os axentes denunciantes declaraban como testemuñas contra Naia.

Esta cuarta feira, segundo vén de informar o colectivo 'Chema Absolución', o activista recibiu unha sentenza na que se lle impón unha pena de dous anos de prisión polo suposto delito de atentado contra a autoridade e outros dous meses por lesións.

"Esta sentenza, por máis de falaz, desmesurada e furibunda, non nos resulta tampouco sorprendente; encádrase dentro dunha dinámica xeral de elevación progresiva das condenas por delitos relacionados coa mobilización nas rúas tensionando ao límite ou ocasionando efectivamente a entrada en prisión de múltiples activistas", lamentan.

O fallo, din, volve amosar "o carácter selectivo e calculado da represión xudicial á actividade política, afastado de calquera imparcialidade e procura da verdade".

Desde o colectivo de apoio a Chema Naia avanzan que recorrerán o auto xudicial para demandar a suspensión da pena e proseguirán "o labor de axitación e denuncia" até que sexa absolto, porque, salientan, "é de xustiza".

Nunha recente entrevista concedida a Nós Diario, Naia defendía: "Intentaron montar ese relato para non recoñecer a brutalidade policial daquel día, cunhas 50 persoas feridas, algunhas de gravidade".