Piden colaboración cidadá para encontrar os autores da presunta violación no Porriño a unha moza de 19 anos

Parroquia de Pontellas, no Porriño, lugar onde supostamente aconteceu a violación (Foto: Google Maps).
A descrición que fai a Garda Civil destes mozos é de "dous homes novos de ao redor de 20 anos de idade, ambos de pelo moreno, vestindo camisetas de manga curta e pantalón curto".

A Garda Civil de Pontevedra pediu colaboración cidadá para localizar dous mozos duns 20 anos en relación coa suposta violación a unha moza de 19 ocorrida durante as festas de San Campio, na parroquia de Pontellas, municipio do Porriño.

Nun comunicado a Garda Civil sinala que estes dous homes se atopaban, durante a actuación de orquestra Panorama, na escalinata do campo da festa entre as 03 horas e as 04 horas da madrugada do 18 de xullo.

A descrición que fai a Garda Civil destes mozos é de "dous homes novos ao redor de 20 anos de idade, ambos de pelo moreno, vestindo camisetas de manga curta e pantalón curto".

Achegas

Así, pídese que os asistentes ao evento acheguen vídeos ou fotos realizadas nas escalinatas ou en calquera outro lugar do recinto da festa se se considera de interese para a investigación.

Para iso, pódese contactar coa Garda Civil a través do número 600461444 mediante Whatsapp ou co correo electrónico po-cmd-pontevedra-uopj-emume@guardiacivil.org

Tamén se poderá achegar información de forma presencial, en calquera posto da Garda Civil, "garantíndose en todo caso a confidencialidade do comunicante".