O petroleiro remolcado a Vigo ficará unha semana amarrado no porto

O buque 'Minerva Nounou', remolcado ao porto de Vigo, coas Illas Cíes de fondo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Non levaba carga cando foi trasladado ao porto.

O petroleiro Minerva Nounou, que foi remolcado nas últimas horas ao porto de Vigo debido a unha avaría na súa hélice, permanecerá amarrado no peirao de transatlánticos da terminal viguesa durante unha semana, tempo estimado polo persoal técnico para efectuar a reparación da citada avaría que provocou a súa parada.

Así o veñen de notificar fontes da Autoridade Portuaria olívica, que confirmaron que o buque cumpriu as medidas de seguridade que se lle exixiron para poder atracar en Vigo, tras varios días deambulando fronte ao litoral á espera de obter permiso para entrar nun porto próximo, entre elas a 'inertización' dos seus depósitos.

Non se teme pola integridade do barco, segundo as autoridades

O buque, de 254 metros de eslora e 44 de manga, saíu de Xibraltar o pasado 7 de marzo con destino aos Países Baixos, cunha tripulación de 26 persoas. A pasada quinta feira deu aviso a Salvamento Marítimo por unha avaría na hélice, e a propia tripulación tratou de reparar o dano sen logralo, polo que o petroleiro solicitou autorización para recalar no porto de Vigo.

Fontes consultadas pola axencia Europa Press confirmaron que non se teme pola integridade do barco e que navegaba baleiro de carga, polo que afirman que non hai risco de contaminación por vertedura. As mesmas fontes explicaron que o petroleiro ten dobre casco, dado que foi construído en 2006. Porén, un petroleiro baleiro segue a resultar perigoso, pois pode haber igualmente unha atmósfera inflamábel nos tanques.

O Minerva Nounou foi finalmente remolcado polo buque de Salvamento Don Inda e permanece amarrado desde este domingo no peirao vigués. A embarcación ten un peso de case 115.000 toneladas e pertence á armadora grega Minerva Marine.