O 'Minerva Nounou' foi remocaldo este domingo até o porto de Vigo

Chegada do petroleiro avariado ao porto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
O buque, que ficaba próximo á costa galega cunha hélice avariada, non tiña carga.

O petroleiro Minerva Nounou, que navegaba fronte á costa galega debido a unha avaría na hélice, xa foi remolcado ata o porto de Vigo, onde solicitara entrar este domingo.

O buque acudía na mañá do domingo ao momento de encontro fixado polo Capitán Marítimo para a súa entrada en Vigo. Alí esperábao o remolcador de altura de Salvamento Don Inda, que fixo firme o remolque ás 10 horas.

A embarcación, de 254 metros de eslora e 44 de manga, saíu de Xibraltar o pasado 7 de marzo con destino Países Baixos. As mesmas confirmaron que, a bordo do barco, atópanse 26 persoas como tripulación.

O pasado 9 de marzo, deuse aviso a Salvamento Marítimo dunha avaría, concretamente, na hélice. A propia tripulación tratou de levar a cabo reparacións e probas, sen que polo momento concluísen con éxito.

Ademais, aínda que polo momento non se teme pola integridade do barco e non ten carga a bordo, Salvamento Marítimo tamén informou da situación á Consellaría do Mar, tal e como confirmaron fontes do gabinete deste departamento da Xunta.

Segundo adiantou Faro de Vigo este sábado, por motivos que non transcenderon, o buque interrompeu a súa travesía e transitou fronte á costa, chegando a estar a unhas 30 millas da cidade olívica.

De acordo aos rexistros dispoñíbeis, acrecentou o xornal vigués, a embarcación ten un peso de case 115.000 toneladas e pertence á armadora grega Minerva Marine. Foi construído no ano 2006 polo xigante coreano de construción naval Daewoo Shipbuilding.

A intención do mando do barco era a de dirixirse a porto no norte de Portugal, mais reverteu esta decisión. Por sorte, segundo fontes da Consellaría, o estado do mar non complicou a súa situación.