Pesar polo falecemento da persoa máis lonxeva da Galiza

María do Carme Nouche e varios integrantes da súa familia nunha homenaxe do Concello de Ordes. (Foto: Concello de Ordes)
María do Carme Nouche Porro era a oitava persoa con maior idade no Estado español.

A que até o de agora era a persoa máis lonxeva da Galiza e a oitava no conxunto do Estado español, María do Carme Nouche Porro, veciña do concello de Ordes, faleceu esta terza feira aos 110 anos, segundo informou o Goberno local.

Nada na parroquia de Barbeiros, en Ordes, esta muller estaba perto de cumprir os 111 anos. María do Corme nacera o 15 de setembro de 1911. Durante a súa vida tiveron lugar dúas guerras mundiais, a Guerra Civil española, o franquismo, a volta á democracia e outros moitos episodios históricos.

O Concello de Ordes mostrou a súa "sincera condolencia" polo pasamento desta muller centenaria, residente na aldea da Senra, na parroquia de Poulo, e trasladou o seu pesar á súa familia, composta por tres fillos, así como varios netos, bisnetos e tataranetos.

"Foi e será para cantos a coñeceron un exemplo para seguir pola súa enteireza e capacidade de sobreporse aos reveses da vida. E tamén porque despois dunha longa vida de traballo e dificultades gozou do agarimo e dos coidados da súa familia", destaca o Goberno local nas súas redes sociais.

A capela ardente sitúase no tanatorio de Ordes. O enterro decorrerá na tarde da quinta feira na igrexa de San Xulián de Poulo.

Persoa máis lonxeva da Galiza

María do Carme Nouche Porro converteuse na persoa con maior idade viva na Galiza, despois de que falecese a súa predecesora, María Luisa Vázquez de Silva, con 111 anos.

No Estado español, a persoa máis lonxeva é María Branyas Morera, unha muller nada en California, nos Estados Unidos (EUA) e que actualmente reside en Catalunya. Branyas naceu o 4 de marzo de 1907, polo que actualmente conta con 115 anos.