Sete persoas mortas e 47 feridas na Galiza en 9 meses por disparos durante a caza

Son cifras oficiais do Ministerio de Interior.

Entre xaneiro e setembro do ano pasado na Galiza faleceron 7 persoas e 47 resultaron feridas en relación a disparos accidentais de cazadores. Estes datos foron facilitados polo Ministerio do Interior en resposta a unha pregunta parlamentar do senador de Compromís Carles Mulet.

As cifras do departamento dirixido por Grande-Marlaska facían referencia ao conxunto do Estado español: 51 persoas mortas e máis de 600 feridas, e ían acompañadas dun desglose por provincias.

Así, na Galiza a provincia con máis incidentes deste tipo é a de Ourense, con 4 mortos derivados da caza e 17 feridos. Na de Lugo rexistráronse neses 9 meses 12 persoas feridas por disparos de cazadores e 2 falecementos.

Na de Pontevedra houbo un morto e o número de feridos é de dez. Por último, na provincia da Coruña houbo 8 persoas feridas e ningunha falecida como consecuencia da actividade cinexética.

Cómpre lembrar que nestas semanas de semiconfinamento, unha das poucas actividades permitidas é a de determinadas modalidades de caza, como a que afecta lobo e xabarín.