As persoas menores de 65 anos e que xa pasaron a Covid recibirán unha única dose mais a Xunta non sabe cantas son

Sanidade admite que aínda non ten computado o número de galegos e galegas nesta situación. O de recibir só unha dose decidiuse hai un mes no Estado.

Galiza recibiu a inicios desta semana un total de 14.900 doses de  Astrazeneca e 47.970 de  Pfizer, aínda que desta marca está previsto outro lote de similar cantidade en próximas horas. Con estas doses, e as que faltan por chegar, proseguirá a inmunización do colectivo entre 50 e 59, coas primeiras doses, e as segundas dos colectivos que xa completaron o período de espera maiores de 60 anos.

Deste modo, o Sergas informa que avanza na estratexia de vacinación nunha semana clave, debido a que ten previsto empezar cos galegos que fan as doce semanas desde a súa primeira dose de  Astrazeneca para preguntarlles por que opción optan: repetir a mesma marca (como recomenda a Xunta) ou  Pfizer, como aconsella a estratexia de vacinación estatal.

Esta medida implica aos menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de  Astrazeneca, uns 93.000 galegos e galegas, dos cales uns 60.000 pertencen a colectivos declarados esenciais en toda Galiza.

Ademais, hai outros 30.000 galegos que tamén recibiron esta primeira dose e teñen entre 55 e 60 anos e, por tanto, tamén terán que decidir nas próximas semanas cal será a opción.

Infectados

Os que xa non serán vacinados cunha segunda dose son os menores de 65 anos que xa pasaron a infección de  SARS- COV-2,https://www.nosdiario.gal/tags/coronavirus como así se recolle na estratexia de vacinación estatal, unha medida aprobada hai unha semanas na comisión de saúde pública e o consello interterritorial.

Respecto diso, fontes da Consellería de  Sanidade confirmaron a Europa  Press que a Dirección de  Saúde Pública "cumprirá a estratexia marcada", que se decidiu hai un mes e foi anunciada pola ministra de Sanidade, Carolina  Darias o 28 de abril.

Concretamente, a estratexia de vacinación di que, nas persoas menores de 65 anos con antecedente de infección  sintomática ou  asintomática, administrarase " unha soa dose de vacina" -sen distinguir a marca-.

"Coa finalidade de vacinar persoas susceptíbeis canto antes, as persoas priorizadas con antecedente de infección, e independentemente da data de confirmación, recibirán a vacina preferentemente a partir dos seis meses desde a data de comezo de síntomas ou a data de diagnóstico da infección", agrega, así mesmo.

Respecto diso, apunta ademais que "non se recomenda a realización de probas  serolóxicas ou  virolóxicas antes ou despois da vacinación". Desta forma, esta medida implica non só á poboación xeral que pasou a infección en menos de seis meses -neste momento os diagnosticados xusto antes de Nadal e principios de ano.

Tamén implicará esta vacinación a todos os galegos e galegas que pertencen aos colectivos esenciais ou son menores de 65 anos e que pasaron a infección nos últimos meses.

Neste sentido, as mesmas fontes da Consellería de  Sanidade indicaron a Europa  Press que aínda non teñen o cómputo realizado e que no seu momento comunicarase. A Xunta pediu ao Ministerio de Sanidade que lle facilite os datos das vacinas das que poderá dispoñer nas próximas datas.