Cerdedo-Cotobade

As persoas expertas reconstrúen o accidente de autobús en Cerdedo

O autobís sinistrado que deixou sete falecidos (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O seguinte paso na investigación será a análise do vehículo.

Un equipo de expertos da Garda Civil desprazado desde Madrid á Galiza comezou a primeira hora desta cuarte feira a reconstrución do accidente de autobús ocorrido en Noiteboa en Cerdedo-Cotobade (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) no que morreron sete persoas. 

Os integrantes do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) comezaron por inspeccionar a zona cun equipo de topografía e cortaron o acceso aos dous extremos da pote para gravar vídeos para o xulgado. Nesta tarefa tamén utilizaron un dron. 

Os axentes, expertos en materia de accidentes de tráfico, chegaron esta cuarta feira á Galiza para reconstruír este sinistro e determinar as causas que puideron desembocar nel. 

Estaterza feira, o persoal técnico do Ministerio de Fomento logrou  retirar do leito do río Lérez o autobús sinistrado, nun operativo que se prolongou durante unhas sete horas e no que interviron grúas de gran tonelaxe, para as que foi necesario testar  a resistencia da ponte.

Os seguintes pasos

Os seguintes pasos nesta investigación, ademais da reconstrución do accidente, son a análise do vehículo, que se atopa nas instalacións que a empresa Monbus ten en Lourizán (Pontevedra) e a toma de declaración aos superviventes do sinistro. 

Non obstante, fontes do sector apuntan á existencia de "consenso" entre os condutores sobre que un dos motivos do accidente tivo que ser a presenza dunha bolsa de auga na estrada. Así, apuntan ao movemento que seguiu o vehículo, primeiro cara á esquerda e despois cara á dereita, para sinalar que isto "semella consecuencia obvia" de ter sufrido aquaplaning, isto é, a formación dunha capa de auga entre as rodas e a estrada que provoca a perda de tracción. 

Ademais o alcalde da localidade, Jorge Cubela, denunciou esta cuarta feira que a estrada presenta un asfalto "deteriorado".