Persoal de Urxencias do Álvaro Cunqueiro anuncia paros diarios ante a "situación crítica" do servizo

Fachada do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O Sergas asegura descoñecer "ningún escrito ou demanda" deste persoal e di que está "moi avanzado" o seu plan de reforma das Urxencias. Mentres, traballadoras e traballadoras do servizo denuncian sobrecarga asistencial, carencia de camas para ingresos hospitalarios e contratación extraordinaria de persoal sen a formación axeitada.

Persoal de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo anunciou paros diarios de 15 minutos en protesta polo "colapso" e a "situación crítica" que vive o servizo.

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, as traballadoras e os traballadores denunciaron publicamente a realidade que viven día a día desde hai anos, por "falta de espazo físico" e "a ausencia de solucións estruturais e a sobrecarga asistencial continua".

"O servizo de Urxencias funciona desde hai tempo en condicións claramente insuficientes. O proxecto de ampliación do servizo leva anos paralizado, sen avances reais, mentres a demanda asistencial non deixa de aumentar. Non existe espazo físico suficiente para atender aos pacientes con seguridade e dignidade", apuntan.

Ademais, nestes momentos, indican, está a rexistrarse a época de pico da gripe, "cun elevado número de pacientes que requiren ingreso hospitalario". Con todo, debido á falta de camas dispoñíbeis no hospital, "moitos destes pacientes permanecen varios días no Servizo de Urxencias, a pesar de estar xa indicados para ingreso en planta".

"Esta situación provoca que o persoal de Urxencias teña que atender simultaneamente os novos pacientes que acoden por urxencias e a pacientes que xa son ingresos hospitalarios, pero que continúan ocupando espazos en Urxencias pola imposibilidade de traslado a planta. Esta sobrecarga asistencial engadida incrementa de forma notábel o colapso do servizo e dificulta gravemente a atención adecuada a todos os pacientes", critican.

"Situación insostíbel"

Ante esta situación, segundo explica o persoal de Urxencias, a resposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) foi incrementar o persoal mediante contratacións por medidas extraordinarias, "o que na práctica tradúcese en dobrar quendas de maneira continuada, á conta dos nosos descansos, conciliación e saúde".

"Así mesmo, en numerosas ocasións incorpóranse profesionais sen experiencia previa no Servizo de Urxencias, sen a formación nin a rodaxe necesarios para unha contorna tan complexa, o que incrementa a presión sobre o resto do equipo e pode comprometer a seguridade asistencial", lamentan.

Por todo iso, a partir desta cuarta feira anunciaron paros diarios entre as 17 e as 17.15 horas como medida de protesta, que se manterá de forma indefinida "até que se adopten medidas reais e efectivas". Iso si, engaden, "en todo momento garantirase a atención ás urxencias vitais".

"Os profesionais sanitarios estamos comprometidos cos nosos pacientes, pero non podemos seguir sostendo un sistema baseado no sacrificio persoal, a improvisación constante e a deterioración progresiva da saúde dos traballadores. A falta de espazo e de planificación é un problema estrutural coñecido desde hai anos e non resolvido", reivindicaron, pedindo a reactivación inmediata do proxecto de ampliación do servizo de Urxencias. "Urxencias non pode seguir funcionando ao límite. A situación é insostible", sentenciaron.

Sergas

Pola súa banda, o Sergas non tardou en saír ao paso destas acusacións, indicando que nin a dirección nin os responsábeis do servizo de Urxencias teñen coñecemento de "ningún escrito ou demanda" realizada por este grupo de traballadores.

"Estes días están a rexistrarse picos de demanda das Urxencias, igual que no resto de hospitais do Estado español, derivados da gripe e das infeccións respiratorias. Con todo, a pesar desta presión asistencial, está a resolverse sen incidencias significativas dado as medidas adoptadas e reforzos do cadro de persoal", reivindicou o Sergas.

Ademais, o departamento sanitario da Xunta da Galiza confirmou que deseñou un plan de reforma das Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro que está "moi avanzado" e que contempla unha "importante" ampliación da estrutura e da dotación deste servizo.