Persoal sanitario e maiores de 60 son citados para vacinarse

Punto de vacinación en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
O Sergas cita novos grupos para a inoculación contra a Covid-19

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa está citando persoal sanitario e sociosanitario, así como a poboación de entre 60 e 69 anos para recibir a próxima semana a cuarta dose da vacina contra a Covid-19.
Así o confirmaron esta quinta feira fontes da Consellaría de Sanidade que indicaron que no caso destes tres grupos, todos serán inoculados nos "vacinódromos".

Desde a pasada sexta feira, os recintos masivos de vacinación xa acollen pacientes situados na franxa etaria de 70 a 79 anos, mentres que desde a terza feira o Sergas chama os centros de saúde ás persoas maiores de 85 anos que non quizeron ou non puideron acudir os "vacinódromos".

Todo "comezou segundo o previsto", tal e como destacou  o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios. Ademais, o titular de Sanidade da Xunta confirmou que todas aquelas persoas qeu non poidan acudir nin aos recintos masivos nin aos centros de saúde sempre teñen a opción de recibir este segundo reforzo contra a Covid-19 nos seus domicilios, unha opción pola que optaron 2.400 galegos e galegas, segundo a cifra que deu.

Aínda que non achegou datos concretos sobre a adherencia á campaña da cuarta dose, García Comesaña afirmou que a asistencia está a ser "alta", coas "cifras habituais" das fases anteriores na Galiza. Ademais, en canto ás persoas que pasaran recentemente ou estean padecendo a Covid, o conselleiro explicou que para as persoas maiores de 80 anos "o tempo ideal" de espera antes de pór a vacina é de tres meses, e para as menores de 80, cinco meses.

Actualización datos Covid

Suben a sete os pacientes con Covid-19 en UCI, un máis, nunha xornada na que se rexistraron 252 positivos na Galiza, 42 máis. As persoas ingresadas en planta ascenden a 163, tres máis que a xornada pasada.