Persoal investigador acusa a Xunta de "precarizar" os contratos predoutorais

O investigador da UVigo André Vidal (á dereita), nun acto divulgativo no Instituto de Investigacións Mariñas da cidade olívica. (Foto: Nós Diario)
Investigal ve “atrancos” no comezo das carreiras investigadoras na ciencia.

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) volveu denunciar esta sexta feira que a convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación predoutoral na Galiza “presenta graves deficiencias e un enfoque nocivo para as futuras investigadoras galegas”. Aseguran desde o colectivo que as mudanzas que fai a Consellaría de Educación en cada convocatoria pon as persoas que deciden levar adiante o seu doutoramento para se converteren en investigadoras diante dun “programa a tempo completo no que somos nós quen asumimos os custos de todo” e “sen certezas” por parte das administracións. Acusan a Xunta da Galiza de "precarizar" unha carreira investigadora na que perciben "atrancos" desde o inicio.

"Mentres Xunta da Galiza e o Goberno do Estado non consideren os investigadores predoutorais como un investimento real, a opción que nos deixan é, 'tes que decidir o que fas coa túa vida, buscar piso, algo do que vivir e compaxinalo coa xornada completa que exixen os programas de doutoramento'", lamenta, en conversa con Nós Diario, o portavoz de Investigal, André Vidal. E todo iso "adiantando os custos económicos", o que segundo Vidal, na práctica, "está a provocar que o sistema cada vez sexa máis selectivo” e prime as rendas e as notas máis altas.

Para o colectivo, a xestión por parte da Xunta das axudas predoutorais "é un exemplo claro dunha xestión nefasta", tanto polo modelo proposto como pola “incompetencia” na súa execución. Denuncian os predoutorandos galegos e galegas que “o sistema actual obriga as investigadoras a traballar de forma gratuíta”. O sistema que emprega Educación nestes casos “exclúe numerosas candidaturas” porque a lista de agarda “ten data de caducidade e desaparece”, lamenta Vidal, o que provoca que se hai renuncias posteriores “os 80.000 ou 90.000 euros destinados a eses contratos non pasan a outra persoa, senón que desaparecen”.

Isto, asegura, está a provocar numerosos casos de persoas que logo de se matricularen nun programa de doutoramento a tempo completo, “con custos económicos e persoais significativos”, quedan "sen o contrato de catro anos que inclúe o financiamento para estadías no estranxeiro”. A “falta de certezas” do sistema actual que utiliza o Goberno galego, subliña, está a provocar a "fuxida de moitas persoas con vocación de investigación científica" no país. “Calquera rapaz que queira dedicarse á investigación enfoca a carreira nas notas e as bolsas, mais o que acontece é que a Xunta muda os criterios e os predoutorandos acaban traballando gratis agardando que caia un contrato dalgún lado”, di.

A decisión de entrar nun programa de predoutoramento está a ser cada día máis complicada na Galiza, afirma. A Xunta decidiu no curso 2023-24 elevar a nota media de 7 a 7,5, o que provoca que “quede fóra moita xente válida”, lamenta o investigador. Desde a entidade sinalan que os anuncios de investimentos en investigación do Goberno galego son “cuestionábeis”, xa que teñen constatado que os fondos que non se usan “non se destinan a reducir listas de agarda nin a actualizar os salarios conforme ao índice de prezos de consumo (IPC)”. "Estes fondos quedan para futuras convocatorias e así permiten á Xunta reducir custos e aumentar de forma ficticia o seu investimento [en investigación]", destacan Investigal.

Un biólogo evolutivo loitando por realizar a súa tese doutoral

André Vidal licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Vigo (UVigo). Está especializado en Bioloxía Evolutiva e prepara unha tese de doutoramento sobre a adaptación ao hábitat dun caracol mariño, unha investigación baseada na adaptación da biodiversidade ao cambio climático. Ten a “sorte”, di, de contar co apoio económico do seu pai para poder contribuír á investigación galega sen o apoio da Administración.