“Entre o persoal hai medo, hai xente que mesmo treme”

Visita do delegado da Xunta, López-Chaves, ao Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes I(CRAPD) de Vigo (Foto: Xunta).

Falamos cunha persoa do cadro de persoal do Complexo Residencial do Meixoeiro (Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes I, en Vigo), que conta con 15 positivos rexistrados no seu interior.

Como cada día, esta persoa –da que non revelaremos nin o nome nin o seu xénero- entra a traballar no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes I, en Vigo, tamén chamado Complexo Residencial do Meixoeiro, centro público dependente da Consellaría de Política Social da Xunta da Galiza.

Desenvolve as tarefas de Técnico de Coidados Auxiliares Enfermería (TCAE) e revela a Nós Diario como é a situación no interior dun centro no que no momento da conversa había 15 positivos en COVID-19 detectados, que permanecen illados no interior do centro e para os que existe persoal específico asignado. Ademais, tamén distingue a figura dos denominados “Pre-COVID”, que estiveron ou existen indicios de que estivesen en contacto cos positivos, polo que tamén permanecen en situación de illamento.

“En xeral hai moitísimo nerviosismo entre o persoal, moito medo, moita intranquilidade, porque non sabes cando e onde vai saltar a lebre”, sinala, engadindo que entre o cadro de persoal hai varias baixas “por estrés”, xa que “o principio da crise do coronavirus foi moi dura”. Porén, móstrase optimista, e agarda que “se incorporen axiña”, porque, a pesar de todo, agora a cousa “está máis normalizada”.

“Os primeiros momentos da pandemia foron moi duros, houbo bastantes problemas, pero agora temos un equipo de emerxencia que conforman o director, o xefe de persoal, a xefa de área asistencial e as coordinadoras que se reúnen a diario e que están en constante contacto coa Consellería de Sanidade”, explica.

Esta TCAE conta que na actualidade se están facendo as probas do coronavirus –“tanto a residentes como ao persoal”-, e que ela mesma foi unha das persoas que se someteu á proba, no seu caso no Covi-auto instalado no Hospital de Vigo, obtendo un resultado negativo.   

Sobre o material, afirma que o dan “medio contado”, pero logo de superar “os problemas do principio”, engade que contan co material “necesario”, como “campás, gorros, calzas, batas... e na zona de positivos, os seus EPI”.

“O maior problema ao que nos enfrontamos agora mesmo é o medo, existe unha psicose a enfermar, hai mesmo xente que treme ante esa posibilidade”, conclúe esta persoa traballadora do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo.