O persoal de enfermaría "non fará de policía" co Certificado Covid

Persoal de enfermaría inocula a vacina fronte ao coronavirus na Galiza, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A representación na Galiza do sindicato Satse avisa de que se a Administración obriga ás e aos profesionais a facer as funcións de control vai recorrer á Xustiza. Considera que o persoal do Sergas xa está "sobrecargado".

Unha vez que a demanda do Certificado Covid vai impoñéndose en distintos ámbitos da vida na Galiza -esta quinta feira comunicouse que o documento será preciso nos ximnasios, hospitais de día ou centros de diálise-, chegan novas reaccións de distintos colectivos. O último en opinar ao respecto foi o Sindicato de Enfermaría (Satse) que, desde a súa delegación no país, advirte á Administración de que as e os profesionais "non farán de policías".

A central sindical insiste en que as e os enfermeiros do país non van asumir as funcións de controlar se os acompañantes ou as visitas das e dos doentes que permanecen ingresados nos hospitais teñen o pasaporte en regra.

A través dun comunicado, avisa de que recorrerá "xudicialmente" se se "obriga" aos enfermeiros a que realicen esas tarefas de control e vixilancia da cidadanía.

O sindicato alude así a un punto do Plan de actuación asistencial no ámbito hospitalario en situación de normalidade progresiva fronte ao Sars-Cov-2 do Sergas, no que exixe o Certificado Covid ás visitas e acompañantes dos pacientes hospitalarios.

No devandito apartado fálase "expresamente do control deste aspecto nas Unidades de Hospitalización", co cal o Satse conclúe que a pretensión da Consellaría de Sanidade é procurar uns controladores e "recaerá nas enfermeiras este labor".

Para xustificar a negativa, destaca que os e as profesionais xa están "sobrecargadas e infradotadas de forma notábel" na Galiza como para "impoñerlles funcións propias de persoal de seguridade ou mesmo policiais".

O control e a vixilancia das visitas "non están dentro das moitas competencias" que asume este colectivo, reflexiona Satse, e indica que hai persoal de seguridade contratado para a "vixilancia e control da entradas, saídas e permanencia de persoas" nos hospitais.

Por iso, vén de instar á Consellaría de Sanidade e ao xerente do Sergas, José Flores, a "que aclaren de inmediato este apartado do plan" de resposta á nova onda da pandemia.