Con gráfica

O persoal de Enfermaría da Atención Primaria na Galiza é o peor pagado do Estado

Centro de saúde de Vite, Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

Un día despois de que Alfonso Rueda cesase ao xerente do Sergas, Ramón Parada, o debate sobre a situación da sanidade galega volveu ao Parlamento. A oposición denunciou a falta de medios na Primaria, en liña co exposto polo Consello de Contas, mentres o Goberno galego defendeu a súa xestión.

Galiza rexistra das peores ratios do Estado en persoal de Enfermaría. Segundo as cifras ofrecidas polo Consello Xeral da Enfermaría para 2025, último ano con cifras, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contaba cunha ratio de 5,5 prazas por cada 1.000 habitantes, oito décimas porcentuais por baixo da media estatal, fixada para ese exercicio en 6,3 prazas por cada 1.000 habitantes. Neste sentido, só Murcia presenta uns números peores que Galiza, con 4,9 prazas persoal de Enfermaría por cada 1.000 habitantes.

As cifras da Galiza non resisten comparación co conxunto estatal e comunitario. Así, o país fica moi lonxe daqueles territorios que ocupan os postos de cabeza, como Nafarroa, con 8,8 enfermeiras por cada 1.000 habitantes; Euskadi, con 8 por cada 1.000, e Castela e León, con 7,4 enfermeiras por cada 1.000 habitantes ou Aragón, coa mesma porcentaxe. Ao tempo, está moi por baixo da media da Unión Europa, situada en 8,5 profesionais por cada 1.000 residentes, precisando aumentar o cadro de persoal de Enfermaría do país en 8.848 efectivos para achegarse a esas porcentaxes.

A cobertura do servizo de matronas é tamén moi reducido no país. A este respecto, Galiza atopábase en 2025 nos últimos postos do Estado, con 4,2 matronas por cada 10.000 mulleres entre 14 e 64 anos e 1,2 puntos por porcentuais por baixo da media estatal. Na mesma dirección, só 99 concellos galegos dispoñen desta prestación asistencial, carecendo dela 214 municipios, coas áreas sanitarias de Lugo e Ourense rexistrando as peores cifras, até o punto de que só 10 localidades de cada unha delas contan con este servizo fundamental para a saúde das mulleres.

A porcentaxe real de persoal de Enfermaría na Galiza é inferior á recollida nos datos oficiais, xa que estes non teñen en conta o elevado número de prazas existentes nos centros de saúde que permanecen vacantes. Nesta liña, a Xunta da Galiza sinala que a Atención Primaria conta con 2.928 prazas de Enfermaría, 2.191 das cales corresponden coa especialidade de Enfermaría de  Primaria ou asimilados, 440 con Enfermaría de Urxencias non Hospitalarias e 297 coa de matronas. Porén, recoñece que 561 prazas de Enfermaría de Primaria ou asimilados (26% do total) están vacantes e que 20 prazas de Enfermaría de Urxencias non Hospitalarias (5% do total) están sen cubrir.

Sen matronas

A Xunta mantén sen cubrir 168 prazas de matronas das 297 creadas nos centros de saúde da Galiza, o que representa 63% das existentes en toda a Atención Primaria. Nesa dirección, 111 profesionais desta especialidade sanitaria teñen que facerse cargo de todo o servizo, dándose o caso na área sanitaria de Compostela de que unha matrona debe atender 6.702 mulleres, sendo os concellos con máis sobrecarga de traballo Ames, Ordes e Santiago de Compostela. Ao tempo, o cadro de persoal de matronas do Sergas está moi envellecido, até o punto de que 66 profesionais, 59,4% do total do colectivo, superan os 60 anos.

O elevado número de prazas de Enfermaría vacantes nos diferentes niveis asistencias contrasta coa constante fuxida do país de persoas con esta titulación en busca de novos destinos profesionais. A este respecto, os informes coñecidos nas últimas décadas, moi particularmente a partir de 2009, certifican a constante saída cara a outros territorios do Estado e da UE de enfermeiras e enfermeiros formados na Galiza, que ao longo de toda a segunda década do século XXI superaron os 500 profesionais en cada anualidade. A este respecto, en 2024, último ano con datos do Ministerio de Sanidade, deixaron o país 412 profesionais da Enfermaría, con Catalunya, Euskadi e Asturias como principais destinos.

Salario medio anual do persoal de Enfermaría en Atención Primaria nas comunidades do Estado. (Datos: Universitat Pompeu Fabra/ Deseño: Nós Diario)

As causas desta situación hai que buscalas na situación laboral do colectivo. Neste sentido, destaca a elevada temporalidade que rexistran os enfermeiros e as enfermeiras no Servizo Galego de Saúde (Sergas), onde máis de 55% dos contratos non son fixos, así como os seus baixos salarios. O informe elaborado por investigadores das universidades de La Laguna, Gran Canaria e Pompeu Fabra e que vén de publicar este último centro, certifica que os profesionais de Enfermaría de Primaria peor pagados do Estado en 2024 foron os da Galiza.

O relatorio, titulado "Estudo das retribucións de dez categorías profesionais do servizo canario de saúde; un estudo comparado coas comunidades autónomas", desvela que o salario medio anual dun profesional de Enfermaría na Galiza que desenvolve a súa actividade na Primaria é de 25.292 euros anuais, 6.356 por baixo da media do Estado (31.648). E revela a fenda existente a nivel salarial entre os enfermeiros e enfermeiras de Atención Especializada e de Primaria, até o punto de que os primeiros perciben na Galiza 4.9828 euros anuais máis que os segundos. 

Novos nomeamentos

O Diario Oficial da Galiza recolleu onte o nomeamento do novo xerente do Sergas, Luis Ángel León Mateos, tras Rueda cesar antonte José Ramón Parada. Tamén recolle a creación da Dirección Xeral de Primaria, con Salvador Mariño-Ageitos á fronte. O xonselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que Parada pediu cesar e asegurou que León Mateos é "un gran profesional" e suporá un revulsivo para a Consellaría.

O PP rexeita aumentar o investimento en Primaria

A situación do primeiro nivel asistencial marcou o debate sobre sanidade no Parlamento da Galiza. Neste sentido, a deputada do BNG Montse Prado reclamou un "novo plan de Atención Primaria, comprometido desde o ano 2019". A este respecto, asegurou que "este debe contemplar un plan de recursos humanos, incorporación de novas categorías profesionais para crear auténticos equipos multidisciplinarios, medidas para garantir a capacidade resolutiva, ratios que permitan dedicar o tempo preciso a cada persoa doente e un aumento orzamentario do investimento en Atención Primaria para chegar á porcentaxe mínima de 25% do total do PIB galego".

O deputado do PSdeG, Julio Torrado, manifestou o seu apoio á iniciativa do BNG, asegurando que "no sistema de Primaria temos un problema desde hai anos, non temos profesionais suficientes, polo que compre encher Atención Primaria de profesionais diferentes". Pola súa parte, a parlamentaria do PP Encarnación Amigo cargou contra a proposta do BNG, acusándoo "de buscar construír un relato de ficticio da realidade a partir dunha lectura tendenciosa dos datos" achegados polo último informe do Consello de Contas, que critica as políticas da Xunta da  Galiza  en materia  de Atención Primaria.