O persoal de Emerxencias de Sanxenxo mobilízase contra as políticas de Telmo Martín

O persoal de Emerxencias de Sanxenxo na presentación da súa mobilización contra a política de Temo Martín. (Foto: Nós Diario)

Sanxenxo acollerá a vindeira sexta feira 8 de agosto unha mobilización contra a política en materia de persoal do alcalde da localidade, o popular Telmo Martín.

O persoal do Servizo Municipal e Xestión de Emerxencias do Concello de Sanxenxo convoca unha mobilización para as 19:30 da sexta feira de 8 de agosto na praza dos Barcos.

A mobilización, que conta co apoio de varios colectivos sociais e veciñais da localidade, quere denunciar a política en materia de persoal desenvolvida polo alcalde do municipio, o popular Telmo Martín.

O colectivo promotor da protesta denuncia a "nefasta xestión municipal de Telmo Martín", a quen acusan de faltar ao respecto ao persoal do Concello de Sanxenxo e non atender ás necesidades da veciñanza.

Os organizadores da mobilización critican a Temo Martín pola "pésima xestión municipal que leva a cabo, que non fai máis que aumentar o descontento entre veciños e traballadores municipais".

O persoal do Servizo Municipal e Xestión de Emerxencias do Concello de Sanxenxo sinala que "malia a ternos acostumados en anteriores lexislaturas a unha xestión municipal centrada en obras faraónicas, privatizacións e faltas de respecto aos traballadores municipais, desta volta a situación xa é insostíbel".

"Existen multitude de necesidades reais nas nove parroquias municipais", continúa o persoal do Concello de Sanxenxo. "pero despilfarra millóns de euros en obras inútiles que moitas veces contan co rexeitamento frontal dos veciños".

"Faltas de respecto constantes" ao persoal

Os promotores da protesta destacan que Martín "despreza aos traballadores municipais con faltas de respecto constantes, que moitos non se atreven a denunciar por medo a represalias". Ao tempo, acúsano de "privatizar todos os servizos sen importarlle que aumente o gasto dos mesmos e empeoren as condicións nas que se prestan".