O persoal do SAF de Ponteareas suspende a folga após o pagamento das súas nóminas por parte da empresa

Traballadoras do SAF de Ponteareas, este 25 de novembro na casa do Concello. (Foto: Nós Diario)

As traballadoras criticaron que Nava Castro dilatou a sinatura do acordo e as negociacións.

Após 68 días de folga indefinida o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas suspendeu esta segunda feira o paro unha vez que a empresa solucionou os problemas no pagamento das nóminas e na cotización á Seguridade Social. A concesionaria Óbolo comprometeuse tamén por escrito diante da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais a cumprir as condicións esenciais do contrato antes do vindeiro 31 de decembro en cuestións como rexistro e computo de xornada, contar co 60% dos contratos a xornada completa, garantir descanso semanal de 48 horas, abonar as horas extras para xornadas superiores á completa e asumir obrigas en materia de saúde laboral e formación.

Desde a CIG explican que as traballadoras víronse na obriga de solicitar o pasado 20 de outubro a mediación do CGRL diante da “total indefensión” por parte do Goberno local e a súa "negativa a extinguir o contrato coa concesionaria". A empresa, "totalmente ausente", mantivo suspendidas as negociacións demorando a resposta ás reivindicacións das traballadoras até esta sexta feira pasada, data na que a central sindical recibiu xustificación fidedigna de que os salarios foran correctamente cotizados diante da Seguridade Social, recibindo copia da liquidación e pagamento o 28 de novembro, en contra do que afirma o concelleiro responsábel do SAF, Jesús Represas Carreira, que dixo telo solucionado nos primeiros días da folga”. E esta segunda feira mesmo, de xeito paralelo á formalización do acordo, a empresa procedeu ao pagamento de diferenzas pendentes de nóminas.

 As traballadoras asinaron co Concello e coa concesionaria, Óbolo, un documento que recolle o cumprimento das condicións esenciais do contrato de licitación,  no que a empresa estará obrigada a cumprir o rexistro e computo da xornada, o pagamento das horas extras, o descanso semanal de 48 horas e 60% de contratos en xornada completa.

As traballadoras non recibiron copia da cotización da Seguridade Social, da liquidación e do pagamento até o 28 de novembro, en contra do que afirmou Carreira. A pesar de que o Goberno local subliñou nun comunicado o seu "firme compromiso co servizo", as traballadoras censuraron a actitude da alcaldesa, Nava Castro, na resolución do conflito, "mostrándose sempre en contra dos interese das súas veciñas, negando a realidade e elevando a tensión nas mobilizacións, demais de dilatar calquera posibilidade de acordo nunha lamentábel política de desgaste das que entendeu eran as súas adversarias”.