Persoal do CHUS alerta do mal estado de camas e corredores: "Os doentes corren risco"

Protesta do cadro de persoal á entrada do CHUS esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
As deficiencias nos elevadores levanta críticas de máis dun milleiro de profesionais que remitiron un escrito á xerencia do CHUS.

Camas avariadas, foxos nos corredores ou ascensores desnivelados son algunhas das incidencias no Hospital Clínico de Santiago (CHUS) que recolle o escrito asinado por máis de 1.100 traballadoras e traballadores deste centro e que foi entregado esta quinta feira na Xerencia do CHUS. Segundo indican, o escrito será tamén remitido ao Sergas para a súa posta en coñecemento.

Un escrito de cuxo contido informou en representación do persoal, maioritariamente celadoras e celadores, María Carmen Iglesias, que asegurou que, actualmente, o cadro de persoal adoita atoparse con camas, nas diferentes unidades, que non se atopan en "condicións óptimas".

As eivas no hospital

Neste sentido, denunciou problemas de bloqueo de rodas ou erros no sistema de freado "que dificultan o seu manexo" e, en consecuencia, "ocasiónannos problemas posturais e de soporte de cargas físicas evitábeis".

Deficiencias que en certas situacións, "debido ao mal funcionamento da cama, obrigan a precisar de dúas celadoras ou celadores para o seu transporte".

Un difícil manexo que, ante situacións urxentes "pode pór en risco o doente", advertiu. Iglesias apuntou tamén diferentes problemas de mantemento do chan, o que causa foxos nos corredores e que dificultan o tránsito das camas e problemas para as persoas doentes.

A representante do colectivo explicou que foron precisamente estas situacións as que os levaron a preparar o escrito remitido á Xerencia e a demandar que se adopten as medidas necesarias para resolver estes problemas.

Entre outras cuestións demandan o arranxo das camas avariadas e o seu mantemento periódico, segundo a normativa estabelecida, como tamén o arranxo dos foxos existentes nos corredores que dificultan o tránsito.