O persoal das residencias reclama na súa quinta xornada de folga un convenio digno para o sector dos coidados

Marcha do persoal das residencias polas rúas de Vigo na mañá desde cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

As residencias de maiores e centros de día de xestión privada viviron esta cuarta feira unha nova xornada de folga en toda Galiza, que terá continuidade no día de mañá.

A mobilización, convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), enmárcase no calendario de protestas impulsado por este sindicato "en defensa dun convenio colectivo para o persoal do sector da dependencia".

A xornada de folga, a quinta desde que a CIG comezou a reclamar un novo convenio, foi seguida de protestas e marchas en localidades como A Coruña, Compostela, Lugo e Vigo.

O persoal das residencias aproveitou a xornada de folga para denunciar que as táboas do convenio están por debaixo do salario mínimo interprofesional (SMI) e que non cobren o 100 % do salario no caso de incapacidade temporal (IT).

O secretario de Negociación Colectiva da federación de Servizos da CIG,  Adolfo Naya, alertou que o persoal das residencias "realiza longas xornadas con grandes esforzos físicos ou que nin sequera se lles compensa adecuadamente o traballo obrigado en festivos".

Naya criticou "o bloqueo no que a patronal ten a negociación do convenio desde o pasado mes de outubro, tras o rexeite maioritario das asembleas á súa miserenta proposta de convenio".

"Parece que a ninguén lle importa nin as condicións das traballadoras nin as condicións nas que se presta a atención nas residencias e centros de día", afirmou Naya, quen asegurou "que cada día se parecen máis a fábricas que a espazos de coidado”.

Nova xornada de folga

O persoal dos coidados volverá saír a rúa nesta quinta feira para continuar reclamando á patronal da dependencia un novo convenio para o sector.