Persoal da área sanitaria de Vigo volve mobilizarse tras unha nova agresión
Trátase da quinta agresión en pouco menos de dous meses que denuncian as traballadoras e os traballadores.
Traballadoras e traballadores da área sanitaria de Vigo concentráronse esta terza feira ás portas do Hospital Álvaro Cunqueiro en resposta a unha nova agresión a persoal sanitario.
Esta nova agresión, a quinta en menos de dous meses, decorreu o pasado día 19 de maio. O agresor, tras insultar a dous integrantes do persoal sanitario, agarrou un deles polo pescozo.
Así, con carteis de "Non ás agresións" e con proclamas como "Coa nosa saúde non se xoga" ou "Contra as agresións máis prevención", traballadoras e traballadores da área sanitaria volveron exixir "máis seguridade" nos seus postos de traballo, ante uns incidentes que, afirman, "son cada vez máis frecuentes".
Aínda que a existencia dun protocolo "axudou" nesta última agresión, o persoal vese "desbordado pola presión e a ansiedade" que se xeran nestas situacións.